Financiado por:
/ Portada / Datos estatísticos

5.580 persoas morren cada ano na UE por accidente de traballo

05-11-2012 - EU-OSHA

A sinestralidade laboral, as enfermidades profesionais, e os accidentes mortais no traballo seguen sendo unha carga para os traballadores europeos. 165.000 persoas morren cada ano na UE por problemas de saúde e seguridade laborais. Desas persoas, 5.580 perden a súa vida nun accidente no centro de traballo.

Celébrase a Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo co obxectivo de concienciar empresarios, traballadores e representantes sindicais da súa imprescindible participación nos plans de prevención de riscos laborais que se desenvolvan nas empresas.

«A seguridade e saúde no traballo é unha preocupación de todos», explica Christa Sedlatschek, directora da Axencia Europea para a seguridade no traballo (EU-OSHA).

Relata un exemplo recente de como as cousas poden saír ben, cando todos os que participan no traballo colaboran. Foi durante a construción do Parque Olímpico de Londres 2012, o lugar no que se construíron as maiores infraestruturas de Europa, coa participación de máis de 36.000 traballadores.

Durante a construción non houbo ningún accidente fatal. Foi a primeira vez que isto aconteceu durante a construción dun estadio olímpico e iso foi posible, din en OSHA, grazas a unha estreita comunicación e compromiso do persoal e os encargados da saúde e a seguridade.

A campaña «Traballando xuntos para a prevención do risco», componse de dúas guías prácticas sobre saúde e seguridade no traballo, está dirixida tanto a empregados, coma a empregadores e aos representantes dos traballadores.

Ademais, EU-OSHA preparou dúas guías prácticas sobre liderado e xestión de participación dos traballadores en materia de saúde e seguridade ocupacional.

Liderado para a Xestión da SST, está dirixida aos empresarios con información práctica do xeito que a seguridade e a saúde poden mellorar coa, participación dos traballadores e a avaliación continua e o exame.

A guía dirixida á participación dos traballadores en materia de SST mostra como estes poden utilizar os seus coñecementos para servir de enlace cos administradores de forma activa para mellorar a seguridade e saúde laboral. Na guía esbózanse as respectivas funcións, responsabilidades e deberes legais dos traballadores, os seus representantes e os empresarios.

 

Fonte. Preventionworld.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS