Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

Sanidade publica no DOG a orde que regula o funcionamiento da aplicación 'Passcovid'

31-08-2020 - DOG

Segundo o publicado na propia Orde do 21 de agosto que promove a Xunta de Galicia, resulta razoable que na xestión da crise sanitaria e no proceso gradual de volta á normalidade cumpre aproveitar o papel que poden desenvolver a tecnoloxía, os datos e o uso estendido dos dispositivos móbiles na poboación para a prevención, detección e seguimento de posibles brotes de contaxio. Neste senso, a tecnoloxía pode e debe considerarse como un instrumento complementario respecto dos protocolos establecidos para a rastrexabilidade de contactos.

Segundo a Xunta de Galicia:

En vindeiras datas a información da APP estará disponible no portal informativo https://passcovid.xunta.gal

 

A presente orde publicada o 21 de agosto pola Xunta de Galicia consta de 15 artigos, agrupados en 6 capítulos, ademais dunha dispo­sición adicional e dunha disposición derradeira.

No capítulo I, relativo ás disposicións xerais, regúlanse o obxecto da orde así como o ca­rácter e o alcance do sistema de información Passcovid.gal, as súas finalidades e funciona­lidades e o réxime de titularidade e de responsabilidade.

O capítulo II regula as potenciais persoas usuarias do sistema, o carácter voluntario da instalación e do uso da aplicación que dá acceso ao sistema, así como as modalidades de identificación previstas.

O capí­tulo III, sobre os aspectos técnicos e operativos, recolle os aspectos relativos aos criterios de aplicación, así como á avaliación do sistema.

No capítulo IV, relativo á publicidade, transparencia e colaboración, recóllense os criterios de publicidade e transparencia do sis­tema así como a posible colaboración con outras administracións públicas ou institucións coa finalidade de ampliar o ámbito de implantación funcional do sistema permitindo acadar unha maior extensión deste.

O capítulo V establece os criterios de vixencia do sistema de información e, por último, o capítulo VI, sobre a protección de datos persoais, recolle os aspectos xerais respecto da protección de datos persoais e as obrigas do encargado e dos posibles subencargados do tratamento.

A disposición adicional refírese ás actualizacións do sistema e a disposición derradeira establece a inmediata entrada en vigor da disposición tendo en conta a necesidade de que o sistema poida servir, sen demora, de medida complementaria na xestión da crise sanita­ria causada polo COVID-19.

O procedemento de elaboración da orde axustouse ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e cumpríronse, así mesmo, os trámites previstos na normativa en materia de transparencia. Fíxose ademais partícipe do alcance deste sistema á Axencia Española de Protección de Datos.

 
Orde do 18 de agosto de 2020 pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.


Segundo o publicado na Orde que promove a Xunta de Galicia, resulta razoable que na xestión da crise sanitaria e no proceso gradual de volta á normalida­de cumpre aproveitar o papel que poden desenvolver a tecnoloxía, os datos e o uso es­tendido dos dispositivos móbiles na poboación para a prevención, detección e seguimento de posibles brotes de contaxio. Neste senso, a tecnoloxía pode e debe considerarse como un instrumento complementario respecto dos protocolos establecidos para a rastrexabilidade de contactos.

Nesta liña, a Recomendación (UE) 2020/518 da Comisión, do 8 de abril de 2020, relativa a un conxunto de instrumentos comúns da Unión para a utilización da tecnoloxía e os datos co fin de combater e superar a crise do COVID-19, contén unha referencia en particular no que respecta ás aplicacións móbiles e á utilización de datos de mobilidade anonimizados, e recoñece o valioso papel que desempeñarán as tecnoloxías e os datos dixitais na loita contra a crise do COVID- 19, xa que en Europa moitas persoas conéctanse á internet a través de dispositivos móbiles.

Esas tecnoloxías e datos, segundo a Comisión, ofrecen unha ferramenta importante para informar á poboación e axudar as autoridades públicas pertinentes nos seus esforzos por conter a propagación do virus.

A mesma Comisión europea, na súa Comunicación relativa ás Orientacións sobre as aplicacións móbiles de apoio á loita contra a pandemia do COVID-19 no referente á pro­tección de datos, publicada o 17 de abril de 2020, manifesta ser coñecedora de que as apli­cacións para dispositivos móbiles, que adoitan estar instaladas en teléfonos intelixentes, poden facilitar ás autoridades sanitarias públicas o seguimento e a contención da pande­mia do COVID-19, e son especialmente pertinentes de cara ao levantamento das medidas de confinamento. Esas aplicacións, indica a Comisión, poden proporcionar orientacións directas á cidadanía e facilitar o labor de rastrexo de contactos de risco.

Pola súa banda, o Comité Europeo de Protección de Datos adoptou o 21 de abril de 2020 as directrices 04/2020 sobre o uso de datos de localización e ferramentas de rastrexo de contactos no contexto da pandemia do COVID-19, en que tamén se recoñece que os datos e a tecnoloxía son importantes ferramentas na loita contra o coronavirus.

Tendo en conta o exposto e seguindo as indicacións do actual Goberno do Estado, dende a Xunta estase a promover o desenvolvemento e posta en marcha dun sistema de información, que estará dispoñible para as persoas usuarias a través dun­ha aplicación para dispositivos móbiles, como un máis dos instrumentos que se van utilizar na Comunidade Autónoma galega na xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Este sistema, que estará dispoñible tanto para persoas residentes en Galicia coma para aquelas que se atopen temporalmente en territorio autonómico, terá como finalidades faci­litar información ás persoas usuarias (orientacións, consellos prácticos, recomendacións e recursos de interese, así como información personalizada); servir de apoio aos protocolos de rastrexabilidade e xestión de contactos dos casos COVID-19 identificados, así como ofrecer a través da aplicación un soporte dixital para facilitar a posta en funcionamento das medidas que adopten as autoridades competentes na xestión da crise sanitaria. En definitiva, a finalidade última da aplicación é a contribución á mellora da saúde colectiva e individual.

Para o cumprimento das finalidades previstas, a aplicación que dea soporte ao sistema de información basearase en información individual dispoñible, especialmente no Sistema público de saúde de Galicia, pero tamén, cando así o exixa o cumprimento das finalida­des do sistema, noutros sistemas de información do sector público autonómico; na dis­poñibilidade de sistemas de acreditación dixital da cidadanía como é o sistema de claves concertadas da Xunta de Galicia (Chave365); no estado de desenvolvemento tecnolóxico e penetración na sociedade do uso de dispositivos móbiles, de xeito que poida servir de instrumento para minimizar a cadea de transmisión do contaxio mediante a detección tem­perá de contactos epidemioloxicamente relevantes; na aplicación dos protocolos e das disposicións que as autoridades competentes establezan para a xestión da crise sanitaria, e no carácter voluntario da instalación e do uso da aplicación, así como no cumprimento dos principios e obrigas establecidos pola normativa vixente en materia de protección de datos persoais. En relación con esta cuestión procede salientar que tanto a instalación da aplicación como a habilitación de cada unha das súas funcionalidades é voluntaria, e a persoa interesada deberá prestar o seu consentimento, será tamén voluntario o uso da aplicación. Agora ben, este carácter voluntario non significa que o tratamento dos datos persoais se basee necesaria e exclusivamente no consentimento. Na medida en que o sistema de información permitirá ás autoridades sanitarias autonómicas a prestación de servizos e o cumprimento de funcións previstos en diversas normas legais en materia desaúde pública que resultan de aplicación nunha situación de crise sanitaria como a que se está vivindo, a base lexítima principal do tratamento de datos é a relativa ao cumprimento dunha misión realizada en interese público (artigos 6.1.e) e 9.2.g) e i) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e artigos 8.2 e 9.2 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais).

Así, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, establece no seu artigo 3 que, co fin de controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con eles e da contorna inmediata, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.

Por outra banda, o artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, prevé a posibilidade de que as autoridades sanitarias poidan adoptar as medidas preventivas pertinentes cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde, así como cantas outras se consideren sanitariamente xustifi­cadas. A duración das ditas medidas fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá o que exixa a situación de risco inminente e extraordinario que as xustificou.

Así mesmo, o artigo 27.2 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, es­tablece a obriga, para as administracións públicas, no ámbito das súas competencias, de protexer a saúde da poboación mediante actividades e servizos que actúen sobre os riscos existentes.

Na mesma liña, o artigo 34 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, inclúe, entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competen­tes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter con­secuencias para a saúde, adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. E o seu artigo 38 prevé que as autoridades sanitarias pode­rán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril.

Así mesmo, o artigo 49 da mesma lei, na súa letra d), establece que a prestación de saúde pública polo Sistema público de saúde de Galicia comprende, entre outros aspectos, a prevención e o control das enfermidades transmisibles. E o seu artigo 52.4, pola súa ban­da, recolle a previsión de que ante situacións de crises, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema público de saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

Finalmente, no que atinxe ao uso da información sanitaria con fins epidemiolóxicos ou de saúde pública, os artigos 16 da Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigacións en materia de información e documen­tación clínica, e 19 da Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, recollen o acceso á historia clínica con fins epidemioló­xicos e de protección da saúde pública.

Especial atención merece tamén a configuración como responsable do tratamento da consellería competente en materia de sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria da persoa titular da dita consellería, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, e como encargado do tratamento a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, atendidos os seus obxecti­vos básicos de definición, desenvolvemento e execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información, a comunicación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

En consecuencia, de conformidade co contexto, coas previsións normativas e coas re­comendacións institucionais antes indicadas, e dentro da estratexia xeral autonómica de loita contra a crise sanitaria derivada da expansión do coronavirus SARS-CoV-2, con esta orde amplíanse as medidas para a xestión da crise ocasionada polo COVID-19, aprovei­tando os medios tecnolóxicos e sistemas de información dispoñibles no sector público autonómico, coa finalidade última de contribuír á mellora da saúde colectiva e da saúde individual tanto das persoas residentes en Galicia como daquelas que se atopen temporal­mente en territorio autonómico.

 

Acceso en PDF á Orde do 18 de agosto de 2020 pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS