Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

Procedemento de determinación dun traballador/a como especialmente sensible no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

19-05-2020 - DOG

Incluído no Acordo relativo á Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia da Resolución do 18 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 16 de maio de 2020

4. Procedemento de determinación dun traballador/a como especialmente sensible

De acordo co Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2 publicado polo Ministerio de Sanidade (versión do 30 de abril de 2020):

O servizo sanitario do SPRL debe avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación coa infección de coronavirus SARS-CoV-2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección. Para iso, terá en conta a existencia ou inexistencia dunhas condicións que permitan realizar o traballo sen elevar o risco propio da condición de saúde da persoa traballadora.

Coa evidencia científica dispoñible en data do 8 de abril de 2020, o Ministerio de Sanidade definiu como grupos vulnerables para COVID-19 as persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos.

Para cualificar unha persoa como especialmente sensible para COVID-19 debe aplicarse o indicado no primeiro parágrafo. Esa avaliación é a única actividade técnica que poderá servir de base para tomar as decisións preventivas adaptadas a cada caso”.

Nos anexos I e II a esta guía recóllense os distintos escenarios que se poden dar co persoal incluído como grupo vulnerable e indícanse, de ser o caso, as adaptacións de tarefas que a consellería deberá realizar para que poida seguir desempeñando o seu posto de traballo.

Tal e como se recolle nos anexos I e II, o simple feito de que o/a traballador/a presente algunha das patoloxías indicadas ou teña máis de 60 anos non determina a súa consideración de traballador como especialmente sensible, senón que deberá seguir traballando, agás que deba permanecer no seu domicilio polas causas xerais que determinen os protocolos ordinarios de aplicación (persoa con síntomas de coronavirus, contacto estreito cunha persoa enferma...). Polo tanto, para determinar a especial sensibilidade deberán concorrer as circunstancias indicadas nos anexos I e II e proceder segundo o disposto na presente guía.

De acordo co que antecede, cando un/unha traballador/a se atope dentro dun grupo vulnerable dos sinalados anteriormente, deberanse seguir os seguintes pasos:

1. O/a traballador/a deberá presentar unha solicitude ante ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), no cal exprese que concorren causas para considerar o/a traballador/a como grupo vulnerable.

2. O Servizo de Prevención de Riscos Laborais remitirá a solicitude ao servizo de prevención alleo con que está concertada a especialidade da medicina do traballo (na actualidade, Cualtis).

3. O médico especialista en medicina do traballo avaliará a solicitude recibida e solicitará ao/á traballador/a a documentación acreditativa da súa situación que resulte procedente.

Igualmente, e de ser necesario, o Servizo de Prevención Alleo poderá solicitar un informe á unidade do/da traballador/a afectado en que se indiquen as tarefas e condicionantes específicos do posto de traballo.

Coa análise da devandita documentación e da relativa aos riscos existentes no centro de traballo da persoa solicitante, o facultativo emitirá informe.

A actuación do servizo sanitario non suporá a necesidade de desprazamento nin do/da traballador/a nin do facultativo e realizarase a través da análise da documentación que aquel lle achegue.

Resulta obrigatorio para o/a traballador/a achegar toda a documentación requirida polo servizo sanitario; no caso contrario, entenderase que desiste da súa petición.

O acceso á información médica de carácter persoal limitarase ao persoal médico e ás autoridades sanitarias que leven a cabo a vixilancia da saúde dos traballadores.

Finalmente, mentres se tramita o informe do especialista, o/a traballador/a ten que continuar realizando o seu traballo, agás que se determine o contrario en aplicación dos protocolos da Consellería de Sanidade (o/a traballador/a presenta síntomas da enfermidade, tivo contacto estreito cunha persoa infectada...).

No que se refire ao informe que emitirá o servizo sanitario, deberá establecer algunha das seguintes medidas:

a) Establecer que non concorre especial sensibilidade no/na traballador/a e que haberá que seguir mantendo as medidas de prevención establecidas nas avaliacións de riscos específicas do posto.

b) Se hai novas circunstancias no posto de traballo que poden elevar o risco na saúde da persoa traballadora, realizará un informe de adaptación de posto en que se lle indiquen ao responsable da unidade as medidas de prevención, adaptación e protección que se deban adoptar. Estas medidas poderán consistir na adaptación do posto de traballo e a dotación dunha protección adecuada que evite o contacto ou de recolocación a outras funcións exentas de risco, tendo en conta as pautas incluídas no anexo I.

c) Como última medida e, unha vez acreditada a imposibilidade de realizar as medidas do punto anterior, o facultativo emitirá informe en que indique a imposibilidade de adaptación do posto de traballo e a imposibilidade de aplicar unha protección adecuada que evite o contaxio ou recolocación a outras funcións exentas de risco e, polo tanto, considerarase o/a traballador/a como especialmente sensible para os efectos da tramitación da incapacidade laboral.

Nesta situación, o/a traballador/a deberá acudir ao seu médico de atención primaria para tramitar a súa incapacidade laboral e comunicarllo á Xunta de Galicia.

Para efectos do estudo das circunstancias concorrentes para a declaración dun/dunha traballador/a como especialmente sensible, realizarase o estudo das patoloxías do traballador en relación co seu posto de traballo, avaliando especificamente o risco que supoñen as súas funcións en relación coas súas doenzas.

Cómpre destacar que se as circunstancias do posto de traballo non variaron respecto á situación previa da pandemia do coronavirus, non existe no/a traballador/a maior sensibilidade que a que existía con anterioridade”.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica.

Páxinas 20 a 23, DOG Nº 96. Martes, 19 de maio de 2020. Resolución do 18 de maio de 2020.

Ligazón á Resolución do 18 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 16 de maio de 2020.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS