Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

O Ministerio de Sanidade traslada ás CCAA o "Plan de resposta temperá nun escenario de control da pandemia por COVID-19"

14-07-2020 - MINISTERIO DE SANIDADE

O obxectivo xeral deste Plan é dobre: reducir o impacto da pandemia mediante o fortalecemento de intervencións rápidas, oportunas e eficaces e, ao mesmo tempo, preparar as capacidades do Estado fronte a un incremento da transmisión que, chegado o caso, poida derivar nunha segunda onda de transmisión de SARS-CoV-2.

O Plan articula o conxunto de medidas para facer fronte ao COVID-19 no escenario actual e nos que poidan producirse nun futuro. As CCAA poderán agora facer as súas achegas antes da súa aprobación definitiva.

O Plan establece que as actuacións de preparación e resposta deben adoptarse de forma consensuada e coordinada polos distintos axentes implicados na avaliación e xestión do risco. Os aspectos relativos á xestión estratéxica ante ameazas sanitarias analízanse no Comité de Dirección do COVID-19 creado no Ministerio de Sanidade e no seo do Consello Interterritorial do Sistema Estatal de Saúde (SNS), que é quen acorda a implementación das accións no conxunto das comunidades autónomas.

No caso de que se considere necesario adoptar actuacións coordinadas en saúde pública que afecten a varias CCAA, corresponderá a súa declaración ao Ministerio de Sanidade, previo coñecemento do Consello Internacional do SNS e con audiencia das comunidades directamente afectadas, salvo en situacións de urxente necesidade nese caso tomaranse as medidas que sexan estritamente necesarias de acordo co previsto na Lei de Cohesión e Calidade do SNS.

Alicerces da preparación e resposta

Dotar ao SNS dunha maior capacidade para que sexa capaz de facer fronte a posibles incrementos da transmisión de COVID-19 sen as tensións ás que se viu sometido durante a crise é un dos principais alicerces sobre os que se asenta este Plan.

Isto require unha acción ampla e coordinada e inclúe a preparación nos ámbitos de Saúde Pública, asistencia sanitaria e laboratorio, a compra extraordinaria da vacina da gripe e a preparación das medidas farmacolóxicas e non farmacolóxicas fronte ao COVID-19.

O texto establece que as CCAA deben garantir unha capacidade suficiente de recursos humanos nos servizos de Saúde Pública; dispoñer de plans de continxencia; garantir o funcionamento adecuado dun sistema de información para a alerta precoz as 24 horas do día durante os 365 días do ano; asegurar a capacidade de laboratorio ante o posible aumento da demanda diagnóstica; e identificar de forma precoz e buscar activamente os casos, entre outros.

No ámbito da atención sanitaria, o Plan sinala que as CCAA deben activar os plans de continxencia en Atención Primaria e Hospitalaria de forma adaptada a cada escenario; garantir capacidade suficiente de recursos humanos e de Equipos de Protección Individual e dispoñer dunha capacidade suficiente de camas de agudos e de coidados críticos con capacidade de respiración mecánica invasiva. Neste caso, entre 1,5 e 2 camas de coidados críticos por cada 10.000 habitantes e entre 37 e 40 camas para enfermos agudos por cada 10.000 habitantes.

Ademais, as CCAA deben dispoñer de plans de atención en domicilio; unha estratexia con circuítos diferenciados de atención a pacientes COVID-19 e non COVID-19; mecanismos para a atención específica e segura a pacientes vulnerables; e garantir a atención ás actividades priorizadas da atención habitual como os programas de vacinación, entre outros.

Medidas non farmacolóxicas e farmacolóxicas

O documento establece como principais medidas non farmacolóxicas dirixidas ao control da propagación do virus a hixiene de mans, a hixiene respiratoria, a distancia interpersoal e a utilización de máscaras.

Ademais, sinala a necesidade de dispoñer de estratexias de prevención que recollan aspectos relacionados coa organización de espazos e horarios, a coordinación co sistema asistencial ou procedementos sobre manexo de casos. Unhas estratexias que deben ser tidas en conta para minimizar o risco de brotes en contornas especialmente vulnerables como residencias para maiores, persoas con discapacitados; centros de saúde mental e centros de acollida ou albergues.

En canto ás medidas farmacolóxicas, o Plan lembra que na actualidade non existe ningunha terapia eficaz nin vacina fronte ao COVID-19. O Ministerio de Sanidade traballa, xunto coa Comisión Europea e os países da UE, para dispoñer de vacinas canto antes.

De forma paralela, o Plan establece prioritario previr o impacto da gripe neste outono-inverno ante a situación de eventual coincidencia coa epidemia de COVID-19. Para iso fomentarase o aumento da cobertura de vacinación, especialmente en maiores de 65 anos, persoal sanitario e socio-sanitario, mulleres embarazadas e persoas con condicións de risco.

Ao Acordo Marco para a selección de subministradores de vacinas fronte á gripe que impulsa anualmente o Ministerio de Sanidade súmase este ano unha compra extraordinaria de 5,2 millóns de doses que complementará a adquisición de vacinas realizada polas comunidades autónomas.

Reserva estratéxica

Ata o pasado 2 de xullo, repartíronse en todo o territorio case 221,7 millóns de unidades de produtos sanitarios desde o inicio da epidemia, na súa maioría máscaras, luvas de nitrilo e kits de diagnóstico rápido.

Ante a situación de mercados tensionados e con obxecto de garantir unha rápida resposta ante novas ondas epidémicas ou emerxencias de Saúde Pública, o Ministerio de Sanidade considera fundamental que as CCAA poidan garantir unha reserva estratéxica de produtos críticos que poida cubrir as necesidades durante un período de 8 semanas. Ademais, a reserva estatal dará cobertura ao 25% do consumo medio total declarado polas CCAA durante 2 meses no relativo a equipos de protección individual e produtos sanitarios.

Esta reserva está a realizarse en función da estimación de necesidades para cada produto en base aos consumos semanais reais declarados polas CCAA e considerando a dispoñibilidade de produtos, tanto polas adquisicións realizadas nesta pandemia como polas futuras coberturas derivadas da capacidade de produción.

A reserva estará composta por equipos de protección individual, técnicas diagnósticas; medicamentos e equipos de ventilación mecánica.

Resposta e xestión do risco

A vixilancia e a alerta precoz son elementos crave para evitar incrementos na incidencia de COVID-19. E para iso, o Ministerio conta coa Estratexia de detección precoz, vixilancia e control acordada con todas as CCAA.

Ante sinais de alerta, o Plan establece que o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias do Ministerio de Sanidade (CCAES) realizará unha avaliación de risco en coordinación coa comunidade autónoma para avaliar o risco de brotes localizados ou incrementos da transmisión que conleven a activación dunha resposta rápida.

A avaliación de risco para cada comunidade terá en conta, entre outros, o ámbito territorial que se está avaliando; os indicadores relativos á situación epidemiolóxica, capacidade asistencial e capacidade de saúde pública; a exposición ao risco; as características da poboación susceptible exposta ou a posibilidade de adoptar medidas de prevención e control.

O resultado da avaliación determinará a situación de risco na que se atopa o territorio e determinará as medidas necesarias para contelo.

O Plan recolle medidas de resposta para contornas específicas como son centros educativos, centros sanitarios, centros sociais e socio-sanitarios residenciais, contorna laboral, poboacións socialmente vulnerables ou contornas de alta concentración de persoas.

Por último, o documento establece que no escenario actual de control é prioritario manter os mecanismos adecuados nos puntos de entrada ao Estado para previr a chegada a España de casos procedentes do estranxeiro.

PLAN DE RESPOSTA TEMPERÁ NUN ESCENARIO DE CONTROL DA PANDEMIA POR COVID-19

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS