Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

17-04-2020 - DOG

O obxecto da presente guía é, en aplicación dos procedementos de actuación aprobados polas autoridades estatais, establecer o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus dende a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección dos traballadores, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia, coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia por parte do titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña, se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que se pretende protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

O Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 14 de abril de 2020, acorda, entre outras:

Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. 

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dá cobertura aos/ás traballadores/as da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da súa norma de creación (Decreto 204/1997, do 24 de xullo).

Cómpre ter presente que está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

Preséntase ante o Cecop a Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo obxecto é, en aplicación dos procedementos de actuación aprobados polas autoridades estatais, establecer o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección dos traballadores, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Deste xeito, en primeiro lugar, a guía realiza unha determinación das exposicións de risco que concorren nas actividades declaradas esenciais con prestación presencial de traballo, ás cales se asocian as medidas de prevención que resultan de aplicación.

En segundo lugar, establécese a determinación das circunstancias que eventualmente poden implicar a declaración dun/ha traballador/a como especialmente sensible, logo de tramitación do oportuno expediente técnico-sanitario.

En canto a estes dous aspectos, debe destacarse que a guía é a aplicación do procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2, do 8 de abril de 2020, aprobado polas autoridades estatais, e son igualmente de aplicación as revisións del que se poidan ditar con posterioridade.

En terceiro lugar, a guía protocoliza o procedemento para canalizar as solicitudes de declaración do persoal como especialmente sensible.

O Cecop acorda aprobar a guía, que se recolle como anexo II deste acordo.

Ligazón á Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. 

Ligazón á RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 14 de abril de 2020.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS