Financiado por:
/ Portada / Coronavirus

As empresas que non garantan a distancia de seguridade entre os traballadores/as enfróntanse a multas de ata 40.985 euros

10-07-2020 - SAÚDE LABORAL

O Goberno crea varias infraccións graves en prevención de riscos laborais relacionadas coa pandemia, como non garantir a distancia de 1,5 metros entre traballadores/as ou non darlles os equipos de protección no caso de que esta sexa imposible de manter .

As empresas que non garantan o mantemento dunha distancia de seguridade mínima de 1,5 metros entre os seus empregados nos centros de traballo, ou que non lles proporcionen o material de protección cando esta non sexa posible, pódense enfrontar a multas de ata 40.985 euros nos casos máis graves. É unha das novas infraccións "graves" en materia de prevención de riscos laborais que aprobou o Goberno no último decreto económico e que habilita á Inspección de Traballo á súa vixilancia e a impoñer actas de infracción en caso de incumprimento.

Fontes do Ministerio de Traballo lembran que non toda actuación da Inspección deriva en multa, xa que os funcionarios analizan cada situación e mesmo en ocasións emítese un requirimento para que a empresa corrixa o seu comportamento nun prazo de tempo nos casos menos graves e que non existe mala fe por parte da compañía. Se a situación é merecedora de multa, estas teñen varios graos, e concluirase cal se aplica tendo en conta as circunstancias de cada situación. As multas máis elevadas, de algo máis de 40.000 euros, impoñeríanse nos casos máis flagrantes, nos que se ten en conta o perigo, o carácter dos riscos, a gravidade dos danos producidos e o número de traballadores/as afectados, explican en Traballo.

O decreto desenvolve as novas competencias da Inspección de Traballo no control destas medidas de saúde pública dentro dos centros de traballo, coa mirada posta na protección dos traballadores/as durante a etapa de "nova normalidade" na que moitas persoas están a incorporarse aos seus postos de maneira presencial.

Trátase de "un importante reforzo na tarefa de prevención dos contaxios nos centros de traballo mediante unha acción inspectora adecuada ás necesidades dunha resposta áxil para controlar a pandemia e un marco xurídico inequívoco na resposta aos posibles incumprimentos constatados", recolle o texto legal, que precisa que esta habilitación "extraordinaria" estará "limitada no tempo".

As medidas cuxo incumprimento é cualificado como "infracción grave" en materia de prevención de riscos laborais son as seguintes:

— Adoptar medidas de ventilación, limpeza e desinfección adecuadas ás características e intensidade de uso dos centros de traballo, conforme os protocolos que se establezan en cada caso.

— Poñer ao dispor dos traballadores/as auga e xabón, ou xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade virucida, autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade para a limpeza de mans.

— Adaptar as condicións de traballo, incluída a ordenación dos postos de traballo e a organización das quendas, así como o uso dos lugares comúns de forma que se garanta o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal mínima de 1,5 metros entre os traballadores. Cando iso non sexa posible, deberá proporcionarse aos traballadores/as equipos de protección adecuados ao nivel de risco.

— Adoptar medidas para evitar a coincidencia masiva de persoas, tanto traballadores/as como clientes ou usuarios, nos centros de traballo durante as franxas horarias de previsible maior afluencia.

Estas medidas preventivas están contempladas no artigo 7 do Real Decreto-Lei 21/2020, do 9 de xuño, que regulou as condicións xerais da chamada "nova normalidade". Hai que destacar que o Goberno cualificou como infraccións graves todas as medidas de prevención en centros de traballo que se inclúen nese artigo 7 excepto unha: "Adoptar medidas para a reincorporación progresiva de forma presencial aos postos de traballo e a potenciación do uso do teletraballo cando pola natureza da actividade laboral sexa posible".

As multas que se poden impoñer ás empresas por non garantir estas medidas preventivas van dende os 2.046 euros no seu grao mínimo ata os 40.985 euros no seu grao máximo. A gradación das sancións destas infraccións son as seguintes: "Multa, no seu grao mínimo, de 2.046 a 8.195 euros; no seu grao medio, de 8.196 a 20.490 euros; e no seu grao máximo, de 20.491 a 40.985 euros".

A presidenta do Sindicato de Inspectores de Traballo e a Seguridade Social (SITSS), Ana Ercoreca, esixe máis medios de persoal e de recursos para a Inspección sobre todo agora con esta ampliación destas competencias durante a pandemia. Ercoreca lembra que o corpo de inspectores e subinspectores xa enfronta carencias de persoal desde hai tempo para as actividades ordinarias que realizan, de vixilancia do cumprimento do conxunto da normativa laboral. "Non se pode querer protexer sen reforzar os recursos, porque entón quedará en papel mollado", afirma a inspectora.

O Ministerio de Traballo anunciou hai uns días unha campaña específica intensiva con "10.000 visitas" da Inspección de Traballo a empresas para comprobar se existen abusos na aplicación dos ERTE, que complementa ás que xa se están realizando nesta materia nos últimos meses.

Real Decreto-lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS