Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva

Principios Xerais da Acción Preventiva

25-09-2025 - GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL-CIG

Na contorna laboral, a seguridade e a saúde das persoas traballadoras son prioridades incuestionables. Para garantir unha contorna de traballo segura é fundamental adoptar un enfoque preventivo na xestión dos riscos laborais, os seguintes principios da acción preventiva son guías esenciais que toda empresa debe seguir para minimizar os riscos e garantir o benestar dos seus empregados/as. Estes principios, baseados na normativa de Prevención de Riscos Laborais (PRL), establecen un marco claro para a implementación de medidas preventivas efectivas.

Que son os Principios Xerais da Acción Preventiva?

Os Principios Xerais da Acción Preventiva son un conxunto de directrices que proporcionan un enfoque sistemático para a xestión da seguridade e a saúde no traballo. Estes principios están deseñados para previr accidentes e enfermidades laborais mediante a identificación, avaliación e control dos riscos presentes no lugar de traballo.

Estes principios non só están destinados a cumprir coa normativa vixente, tamén buscan crear unha cultura de prevención dentro das organizacións. Ao seguir estes principios, as empresas non só protexen aos seus traballadores/as, tamén melloran a produtividade, reducen custos asociados a accidentes e enfermidades laborais, e cumpren coas súas obrigas legais.

Principios xerais da acción preventiva

O artigo 15 da Lei de Prevención de Riscos Laborais establece os principios básicos sobre os que basear a xestión preventiva da empresa:

1) Evitar os riscos.

2) Avaliar os riscos que non se poidan evitar.

3) Combater os riscos na súa orixe.

4) Adaptar o traballo á persoa; en particular no que respecta á concepción dos postos de traballo, así como á elección dos equipos e os métodos de traballo e de produción, con miras, en particular, a atenuar o traballo monótono e repetitivo e a reducir os efectos do mesmo na saúde.

5) Ter en conta a evolución da técnica.

6) Substituír o perigoso polo que entrañe pouco ou ningún perigo.

7) Planificar a prevención; buscando un conxunto coherente que integre nela a técnica, a organización do traballo, as condicións de traballo, as relacións sociais e a influencia dos factores ambientais no traballo.

8) Adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á individual.

9) Dar as debidas instrucións ás persoas traballadoras.

Deseguido procedemosa expoñer cada un detes principios e a proporcionar algún exemplo práctico de aplicación para facilitar a súa comprensión.

1. Evitar os riscos

O primeiro principio de acción preventiva establece que se deben evitar os riscos en orixe, é dicir, eliminar ou reducir ao mínimo os riscos no lugar de traballo. Isto implica identificar e eliminar as situacións perigosas antes de que poidan causar dano ás persoas traballadoras.

Así, é fundamental adoptar medidas que anticipen e preveñan os riscos antes de que se materialicen en accidentes ou enfermidades laborais. Isto implica ser proactivo na identificación e control dos perigos no lugar de traballo.

A eliminación de riscos debe ser sempre a primeira opción, antes de considerar medidas de control ou protección.

Exemplo: Unha empresa de hostalería realiza inspeccións periódicas de seguridade para identificar posibles riscos, como chans esvaradízos ou equipos defectuosos, e toma medidas correctivas de maneira anticipada para previr accidentes.

Exemplo: Unha empresa de construción decide utilizar estadas de alta calidade e en bo estado en lugar de plataformas inestables para evitar o risco de caídas dende altura.

2. Avaliar os riscos que non se poden evitar

A avaliación de riscos é un proceso sistemático para identificar os perigos e analizar a súa gravidade. Se non é posible evitar por completo un risco, o seguinte paso é avalialo para determinar a súa magnitude e probabilidade de ocorrencia. Esta avaliación de riscos permite priorizar os riscos e determinar que medidas preventivas é necesario implementar para minimizar o seu impacto na saúde e a seguridade dos traballadores/as.

A avaliación de riscos debe realizarse de maneira continua e estar actualizada, especialmente cando se introducen novos procesos, equipos ou materiais no lugar de traballo.

Exemplo: Unha fábrica de produtos químicos realiza unha avaliación de riscos para identificar os perigos asociados co manexo de substancias tóxicas e establece medidas de control, como a ventilación adecuada en áreas de traballo ou en última instancia o uso de equipos de protección persoal.

3. Combater os riscos na súa orixe

Unha vez avaliados os riscos, é necesario tomar medidas para combatelos na súa orixe. Isto implica implementar medidas técnicas, organizativas ou de protección colectiva que eliminen ou cando menos reduzan sustancialmente a exposición das persoas traballadoras aos perigos identificados. Este enfoque é máis efectivo que simplemente tratar de mitigar os efectos dos riscos unha vez que se manifestaron.

Exemplo: Unha empresa de fabricación de alimentos instala barreiras de seguridade nas máquinas de corte para evitar o risco de atrapamiento dos dedos dos traballadores/as durante o proceso de produción.

Exemplo: En lugar de utilizar dispositivos de protección para evitar a inhalación de po, sería máis efectivo instalar un sistema de ventilación que capture o po na súa orixe, evitando así a súa propagación.

4. Adaptar o traballo á persoa

Este principio recoñece a importancia de adaptar o traballo ás características individuais das persoas traballadoras, tendo en conta factores como a idade, a capacidade física e mental, e a experiencia laboral. Isto axuda a previr lesións e enfermidades relacionadas co traballo.

Nesto senso a adaptación do traballo á persoa é un principio crave que subliña a importancia de deseñar tarefas, equipos e espazos de traballo tendo en conta as capacidades e limitacións individuais dos traballadores/as. Isto inclúe considerar factores ergonómicos, así como as diferenzas físicas e psicolóxicas de cada persoa.

Exemplo: Unha empresa de loxística proporciona equipos de manipulación ergonómicos e ofrece formación sobre técnicas de levantamento seguro aos seus empregados para previr lesións musculoesqueléticas.

5. Ter en conta a evolución da técnica

A tecnoloxía e as técnicas de traballo están en constante evolución e é esencial que as empresas se manteñan ao día con estes cambios. Adoptar novas tecnoloxías e métodos de traballo que melloren a seguridade debe ser unha prioridade. Isto non só reduce os riscos laborais, senón que tamén pode mellorar a eficiencia e a produtividade.

Os avances tecnolóxicos e científicos poden ter un impacto significativo nos riscos laborais. Por tanto, é importante estar ao tanto dos últimos desenvolvementos en materia de seguridade e saúde laboral e adaptar as medidas preventivas en consecuencia.

Exemplo: Unha empresa de fabricación de automóbiles actualiza regularmente os seus protocolos de seguridade para incorporar novas tecnoloxías, como robots colaborativos, co fin de reducir o risco de accidentes na liña de produción.

6. Substituír o perigoso polo que entrañe pouco ou ningún perigo.

Este principio enfócase na substitución de procesos, materiais ou condicións perigosas por alternativas que presenten menos riscos. Sempre que sexa posible, os elementos perigosos deben ser substituídos por outros máis seguros.

Isto axuda a reducir o risco de exposición das persoas traballadoras a axentes nocivos e a previr enfermidades profesionais.

Exemplo: Unha empresa de limpeza utiliza produtos de limpeza ecolóxicos e biodegradables en lugar de produtos químicos agresivos para protexer a saúde dos seus empregados/as e do medio ambiente.

7. Planificar a prevención

A planificación da prevención é fundamental para unha xestión eficaz da seguridade e saúde no traballo. Isto implica establecer obxectivos claros, asignar responsabilidades e recursos, e desenvolver un plan de acción integral para previr riscos laborais na empresa.

A planificación debe integrarse en todos os niveis da organización e abarcar todos os aspectos da operación. Isto inclúe a identificación de riscos, a implementación de medidas preventivas, a formación dos traballadores/as, e a monitorización continua.

A planificación tamén debe ser flexible para adaptarse a cambios nas condicións de traballo, novos riscos emerxentes ou cambios na normativa.

Exemplo: Unha empresa de construción desenvolve un plan de prevención de riscos laborais que inclúe a identificación de perigos, a avaliación de riscos, a implementación de medidas preventivas e a formación dos traballadores en materia de seguridade.

8. Adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á individual

As medidas de protección colectiva son aquelas que protexen a todas as persoas traballadoras simultaneamente, como a instalación de varandas, sistemas de ventilación ou a organización do traballo para evitar exposicións perigosas. Estas medidas deben ser priorizadas sobre as individuais, como o uso de equipos de protección individual (EPI).

9. Dar as debidas instrucións ás persoas traballadoras

Finalmente, é crucial que as persoas traballadoras reciban instrucións claras e adecuadas sobre os riscos asociados ao seu traballo e as medidas preventivas que deben adoptar. A formación e a comunicación efectiva son elementos esenciais para asegurar que os traballadores/as entendan os riscos e saiban como protexerse.

Isto inclúe non só a formación inicial, senón tamén a formación continua, especialmente cando se introducen novos riscos ou procedementos.

CONCLUSIÓN:

Os vínculos laborais desempeñan un papel central na vida das persoas. A maioría das persoas traballadoras pasan ao redor de oito horas ao día no lugar de traballo. Deste xeito, as contornas de traballo deben converterse en contornas seguras e saudables onde os/as traballadores/as se sintan cando menos seguros/as, tanto dende un punto de vista físico, mais cada vez máis dende un punto de vista psíquico e mental.

Legalmente corresponde ao empresario crear e garantir as condicións mínimas de seguridade e saúde tendo en conta todos os lugares de traballo, identificando os perigos, avaliando os riscos, formando e informando os seus traballadores/as e implicando ás súas estruturas representativas.

A preocupación debe ser sempre, ante todo, a eliminación do perigo, evitando que se materialice o risco, os incidentes e os accidentes no traballo.

Hai todo un conxunto de dereitos, deberes e obrigas das partes e, no esprito da lexislación, axústanse numerosos principios de acción/actuación, algúns do cales reflicitimos a continuación:

 

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL-CIG

 

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS