Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral16-10-2025 - ISSGAEsta guía, elaborada por especialistas en logopedia, medicina de traballo e persoal técnico en prevención de riscos laborais do ISSGA, pretende ser unha referencia para ás empresas e o persoal traballador, tanto a nivel colectivo para a identificación dos factores de risco e a adopción de medidas na contorna física e organizativas, como a nivel individual con exercicios prácticos e consellos para o mantemento dunha voz sa. Destácase tamén o papel que ten a vixilancia da saúde laboral para unha detección precoz destes danos, así como dos procedementos para a xestión dos casos e de reincorporación ao traballo. | ![]() |
|---|
Apóstase a nivel organizativo por avaliar a carga vocal á que están expostas as persoas traballadoras, reallizar unha distribución equilibrada do traballo para evitar a sobrecarga da voz, elaborar un programa de pausas e descansos ou un plan de formación inicial e periódico sobre o uso da voz. A maiores, avógase por controlar os factores de risco psicosociais, dotar de medios técnicos para diminuír o uso da voz (taboleiros dixitais,etc.) ou proporcionar micrófonos e altofalantes adecuados.
En canto ás medidas preventivas na contorna física, ínstase a controlar e reducir o nivel de ruído ambiental, a mellorar a acústica da contorna laboral, controlar as condicións de temperatura e humidade evitando as correntes de aire e garantindo unha ventilación adecuada e adecuando o ratio de persoas/alumnado por sala.
No referido ás medidas preventivas persoais, cómpre realizar exercicios para quentar a voz antes da xornada laboral e para arrefriala ao finalizar, así como non fumar e evitar tomar café nos descansos. Nese senso, avógase por aproveitar as pausas para descansar a voz, por beber auga en cantidade suficiente e regularmente durante a actividade laboral e por realizar controis de vixilancia da saúde específicos en relación co risco derivado do uso mantido e continuo da voz, para a detección precoz de posibles patoloxías vocais.
A guía persegue dar a coñecer tamén os trastornos da voz, identificando os factores de risco relacionados e propoñer medidas preventivas específicas. Tamén difundir técnicas para mellorar o uso da voz considerando catro aspectos fundamentais: hixiene postural, respiración, proxección e arrefriado vocal.
Ligazón á guía de boas prácticas ‘Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral’