Campaña do ISSGA: Traballo e calor30-05-2025 - ISSGAEsta campaña do ISSGA ten como obxectivo sensibilizar fronte aos riscos relacionados coas altas temperaturas e coa radiación solar nas contornas laborais. Esta iniciativa pon o foco na necesidade de descanso, a climatización, a boa alimentación, a hidratación nos lugares de traballo e cambios nos horarios laborais cando for preciso. Ademais, trátase de informar e concienciar dos perigos da realización de tarefas a altas temperaturas durante a xornada laboral para mellorar o benestar e a seguridade das persoas traballadoras. A campaña achega de xeito comprensible as medidas de prevención orientadas a reducir a exposición a estes axentes de risco das traballadoras e traballadores. |
|---|
É en épocas estivais onde a calor amósase como un dos factores de maior risco no desenvolvemento de tarefas laborais e é, en consecuencia, un dos focos de atención do ISSGA, que pon en circulación a campaña Traballo e calor para informar e concienciar a persoas empregadoras e empregadas dos perigos das altas temperaturas durante a xornada laboral.
Un dos principais riscos é o estrés térmico, dado cando existe unha situación de tensión por calor, isto é, unha acumulación de excesivas temperaturas no corpo. Esta situación dáse mediante a suma da carga de traballo propia das persoas, os factores ambientais da zona onde traballan e a resposta fisiolóxica que o seu propio organismo da como resposta á subida de graos no termómetro, polo que para un emprego máis seguro é preciso un coñecemento máis profundo da situación, máis aínda cando o traballo é realizado en verán, ao aire libre, ou co uso de equipos de protección individual (EPI).
É por isto que o ISSGA desglosa, a través dun tríptico e dun cartel informativo, algunhas das medidas preventivas máis destacables para sandar estes perigos, como é facer pausas e descansar ou facer descansar ao traballador ou traballadora cando aparezan os primeiros síntomas de sobrecarga por calor, informar ás persoas superiores da súa situación se están padecendo calor, beber auga frecuentemente (aínda que non se teña sede), non tomar bebidas alcohólicas, café ou abondosas comidas na xornada laboral e empregar, na medida do posible, roupas lixeiras, folgadas e de tecidos naturais, ademais de protexer a cabeza cun sombreiro, entre máis recomendacións.
Ligazón ao TRÍPTICO que recolle os efectos da calor no noso corpo, como evitar os seus danos, os postos de traballo nos que pode hacer ese risco por calor, que debemos facer nos traballos ao aire libre no verán e como actuar ante un golpe de calor.
Ligazón ao CARTEL no que se recollen como evitar danos nos traballos ao aire libre durante o verán e que facer ante un golpe de calor.