Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Tod@s actitude sen risco

28-01-2019 - ISSGA

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e en colaboración coa Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), vén de poñer en marcha “Tod@s actitude sen risco”, unha campaña que se levará a cabo nos centros especiais de emprego asociados a Cegasal e que ten por obxecto ofrecer en cada centro de traballo información práctica sobre prevención de riscos laborais.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe a campaña en Trameve, un dos centros nos que se desenvolve esta iniciativa e que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas, a través de procesos respectuosos co medio ambiente, fomentando o consumo responsable de recursos.

A actuación, que se enmarca na Estratexia galega de seguridade e saúde laboral 2017-2020 da Xunta, centrarase no desenvolvemento de campañas específicas, segundo o tipo de actividade de cada centro especial de emprego (por exemplo xardinería, hostalería ou artes gráficas) e na distribución de material informativo nos centros de traballo, como dípticos e carteis. Do que se trata é de facilitar o cumprimento normativa e poñer en valor a importancia da prevención de riscos laborais entre as persoas con capacidades diferentes.

Toca explicou que a Axenda 20 para o Emprego inclúe ferramentas para promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social. O reto, segundo afirmou, é mellorar as oportunidades laborais dos galegos respondendo ás necesidades dos que teñen máis dificultades para atopar un emprego.

Galiza conta na actualidade con 109 centros especiais de empregos que empregan a 2.500 traballadores con capacidades diferentes, e 70 persoas para as unidades de apoio.

Ligazón ao Cartel

Ligazón ao Folleto informativo

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS