Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Seguridade e Saúde no centro do Futuro do Traballo: aproveitar 100 anos de experiencia

20-05-2019 - OIT

Cada ano, máis de 374 millóns de persoas sofren lesións ou enfermidades por mor de accidentes relacionados co traballo. Estímase que a perda de días de traballo debido a causas relacionadas coa SST representa case o catro por cento do PIB mundial e, nalgúns países chega ao seis por cento. Este informe examina os 100 anos de traballo da OIT dedicados aos temas de SST, e pon de manifesto os problemas emerxentes en materia de seguridade e saúde no mundo de traballo.

 A maior proporción das mortes actuais relacionadas co traballo – 8%– son causadas por enfermidades. No mundo, ao redor de 6.500 persoas morren cada día por mor de enfermidades ocupacionais, en comparación con 1.000 por accidentes mortais no traballo. As principais causas de mortalidade son as enfermidades circulatorias (31%), os cancros relacionados co traballo (26%) e as enfermidades respiratorias (17%).

“Así como observamos unha maior prevención para os riscos recoñecidos, tamén constatamos cambios profundos nos nosos lugares de traballo e na maneira en que traballamos. Necesitamos estruturas de seguridade e saúde que reflictan estes cambios, xunto a unha cultura xeral de prevención que fomente unha responsabilidade compartida”, segundo a especialista técnica da OIT sobre seguridade e saúde no traballo.

“Ademais do custo económico debemos recoñecer o inconmensurable sufrimento humano que causan estas enfermidades e accidentes. Estes son aínda máis tráxicos porque en gran medida son prevenibles". “Deberíase ter en conta seriamente a recomendación da Comisión Mundial sobre o Futuro do Traballo: que a seguridade e a saúde no traballo sexan recoñecidas como un principio e un dereito fundamental no traballo”.

De fronte ao futuro, o informe destaca catro grandes forzas transformadoras que impulsan os cambios. Sinala ademais que todas ofrecen oportunidades para mellorar.

-  A tecnoloxía – como a dixitalización, a robótica e a nanotecnoloxía – pode afectar a saúde psicosocial e introducir novos materiais con riscos para a saúde que non foron estimados. Se é aplicada correctamente, pode contribuír a reducir exposicións perigosas, facilitar a formación e a inspección do traballo.

-  Os cambios demográficos: traballadores/as novos que teñen taxas de lesións profesionais significativamente elevadas, traballadores/as maiores que necesitan prácticas de adaptación e equipo para traballar de forma segura, mulleres, máis propensas a traballar en formas atípicas de emprego e corren maiores riscos de sufrir trastornos músculo-esqueléticos.

-  O desenvolvemento sustentable e o cambio climático dan lugar a riscos como a contaminación do aire, a tensión por exceso de calor, enfermidades emerxentes, cambios nas pautas meteorolóxicas e na temperatura, destrución de empregos. Así mesmo xeración de novos empregos grazas á economía verde.

-  Cambios na organización do traballo que poden dar lugar a unha flexibilidade que permita que un número maior de persoas incorpórese á forza de traballo, pero tamén pode causar problemas psicosociais (por exemplo, inseguridade, menoscabo da privacidade e do tempo de descanso, ou unha protección inadecuada en materia de SST e de protección social) e horarios de traballo excesivos. Na actualidade, aproximadamente 36 por cento da forza de traballo do mundo traballa horas excesivas (máis de 48 horas semanais).

O estudo propón seis ámbitos aos cales os responsables políticos e outras partes interesadas deberían dar prioridade. Estes inclúen maiores esforzos para anticipar os riscos novos e emerxentes para a seguridade e a saúde relacionados co traballo, a adopción dun enfoque máis multidisciplinario e o establecemento de vínculos máis fortes coa saúde pública. Así mesmo é necesario mellorar o coñecemento público sobre as cuestións de SST, reforzar as normas internacionais do traballo e a lexislación nacional,e establecer unha colaboración máis estreita entre os gobernos, os traballadores e os empregadores.

Ligazón ao estudo Seguridade e Saúde no centro do Futuro do Traballo: aproveitar 100 anos de experiencia”

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS