Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Reforma da Lei de mutuas de Accidentes de Traballo e enfermidades profesionais.

09-12-2013 - MUTUAS

O Goberno aprobou un borrador do anteproxecto de Lei de Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, coa intención de cambiar a súa regulación de forma que se esclareza máis a súa natureza privada (aínda que non teñan ánimo de lucro) e se fixen con maior claridade os termos da súa colaboración coa Seguridade Social.

Trátase de separar por completo a súa principal actividade, consistente en xestionar os fondos públicos para o pagamento de prestacións aos traballadores, que están de baixa médica doutras como os seguros, máis encadradas no sector privado. O pagamento das prestacións por incapacidade temporal supón uns 8.500 millóns de euros ao ano, que se pagan cos recursos procedentes das cotizacións por continxencias comúns do 80% dos asalariados e das continxencias profesionais do 95% dos traballadores.

A nova normativa establecerá as condicións nas que estas entidades colaboradoras da Seguridade Social deberán competir entre si. E, en segundo lugar, fixará a fórmula para reasignar ao ano seguinte os excedentes destas sociedades, que actualmente se destina a fondos dos que dispón enteiramente a Seguridade Social e dende o pasado ano se utilizan para o pagamento de todas as pensións contributivas. As Mutuas demandan que unha parte destes excedentes se poidan reinvestir nelas mesmas e en incentivos aos seus clientes (empresas).

O outro motivo polo que Emprego reformará estas entidades colaboradoras da Seguridade Social é evitar as "numerosas" irregularidades que cometeron as mutuas ata agora na xestión de fondos públicos e que se puxeron de manifesto, segundo explicou onte a ministra de Emprego, Fátima Báñez, en varias sentenzas do Tribunal Supremo, a Audiencia Nacional, o Tribunal de Contas e a propia Intervención Xeral da Seguridade Social. Neste sentido, unha das cuestións que intentará acoutar o Goberno nesta nova norma serán as retribucións de presidentes e xerentes das mutuas, incluídos os complementos e outras gratificacións.

Xunto a esta futura lei, Emprego prepara outra normativa para aumentar o poder de xestión das Mutuas co fin de frear o absentismo laboral, que segundo Báñez fai que cada traballador perda ao ano 11,4 días de traballo. Trátase dunha cifra moi superior á rexistrada en Finlandia (8,4 días), Dinamarca (7 días) ou os 4,9 días de Estados Unidos.

Así mesmo, a futura lei facilitará o acceso á prestación por cesamento de actividade dos traballadores autónomos (o equivalente á prestación por desemprego deste colectivo) "para que se faga máis eficientemente, porque se queixan con razón," explicou a ministra de Emprego.

O Executivo ten previsto iniciar a próxima semana consultas cos interlocutores sociais para o redactado definitivo do anteproxecto de lei de Mutuas que se aprobará no Consello de Ministros do próximo día 20 de decembro, co fin de que se tramite no Parlamento durante o primeiro semestre de 2014 e entre en vigor a mediados do próximo ano.

O poder de dar altas que non chega

O que parece que o Executivo non incluirá en ningún destes dous textos legais é a principal reivindicación das Mutuas que consiste en que os seus médicos poidan dar a alta aos traballadores cando eles o estimen oportuno, xa que na actualidade só poden propoñer este alta ao médico de cabeceira da sanidade pública, que é quen ten a última palabra. "Iso parece imposible agora mesmo", indican fontes coñecedoras do futuro texto.

En compensación, Emprego podería incluír algunha fórmula que reforce a xestión destas baixas, permitindo ás Mutuas que deseñen o control dos plans de confirmación, en función da patoloxía (agora as baixas confírmanse semanalmente). Ou poderían obrigar en maior medida aos médicos da sanidade pública a que se pronuncien sobre as propostas de alta que lles fagan os facultativos das mutuas. Agora opera o silencio administrativo e se o médico de cabeceira non contesta, a proposta desestímase.

 

Cincodías.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS