Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Publicada no BOE a Lei de Mutuas de Accidentes de Traballo

29-12-2014 - MUTUAS

A reforma da Lei Xeral da Seguridade Social en relación co réxime xurídico das Mutuas de Accidentes de Traballo e enfermidades Profesionais da Seguridade Social entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2015. A presente lei ten por finalidade regular na súa integridade o réxime xurídico das ata agora denominadas Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, que pasarán a denominarse Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social e das funcións que desenvolven como entidades asociativas privadas colaboradoras na xestión da protección pública.

Son Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social as asociacións privadas de empresarios constituídas mediante autorización do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e inscrición no Rexistro especial dependente deste, que teñen por finalidade colaborar na xestión da Seguridade Social, baixo a dirección e tutela deste, sen ánimo de lucro e asumindo os seus asociados responsabilidade mancomunada nos supostos e co alcance establecidos nesta lei.

As Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social, unha vez constituídas, adquiren personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. O ámbito de actuación destas esténdese a todo o territorio do Estado.

É obxecto das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social o desenvolvemento, mediante a colaboración co Ministerio de Emprego e Seguridade Social, das seguintes actividades da Seguridade Social:

a) A xestión das prestacións económicas e da asistencia sanitaria, incluida a rehabilitación, comprendidas na protección das continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, así como das actividades de prevención das mesmas continxencias que dispensa a acción protectora.

b) A xestión da prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.

c) A xestión das prestacións por risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural.

d) A xestión das prestacións económicas por cesamento na actividade dos traballadores por conta propia, nos termos establecidos na Lei 32/2010, do 5 de agosto, pola que se establece un sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos.

e) A xestión da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.

f) As demais actividades da Seguridade Social que se lles atribúa legalmente.

Regúlase nesta lei o réxime económico e financeiro destas entidades, os seus órganos de goberno e participación (os axentes sociais poderán participar a través das Comisións de Control e Seguimento, ás que se incorpora unha representación das asociacións profesionais dos traballadores autónomos), o patrimonio e réxime de contratación, o resultado económico e as reservas, os excedentes e o Fondo de Continxencias Profesionais da Seguridade Social.

Así mesmo nas disposicións adicionais, establécese entre outras cuestións, a Xestión polas Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social da prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns, o réxime de desinvestimento das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social nas sociedades mercantís de prevención, así como o establecemento dun sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos.

Lei 35/2014, do 26 de decembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social en relación co réxime xurídico das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS