Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

O accidente dun traballador en Sabón pode custar á súa empresa 230.000 €

23-05-2014 - SAÚDE LABORAL

A grave caída que sufriu en setembro de 2007 un operario dunha empresa de metalurxia durante os traballos de reforma dunha nave do polígono de Sabón chega a finais deste mes aos xulgados e pode custar ao administrador da compañía ata dous anos e medio de cárcere e o pagamento dunha indemnización de 230.000 euros.

Acúsaselle dun delito contra os dereitos dos traballadores vinculado a outro de lesións por imprudencia en relación co accidente, que, según o Ministerio Fiscal, se produciu porque o acusado "omitiu as máis elementais medidas de precaución esixibles", ao non dotar a zona de traballo de sistemas que permitisen a ancoraxe de protección individual anticaídas ou sistemas de protección colectiva, como unha liña de vida ou redes horizontais de seguridade.

O sinistro produciuse cando o traballador, oficial de primeira, realizaba as súas funcións no alto do tellado, a unha altura aproximada de seis metros, para substituír as placas de uralita. Segundo se fai constar no escrito de acusación, utilizaba arnés de seguridade pero, ante a ausencia dunha liña de vida, víase obrigado a soltarse nos seus desprazamentos pola cuberta, cando saltaba dunha viga a outra. A caída sobreveulle cando realizaba esta operación e unha das uralitas venceu baixo os seus pés.

Consecuencia do impacto contra o chan, o home sufriu un traumatismo cranioencefálico con hemorraxias e contusións que lle mantiveron na UCI 20 días e lle custaron 400 días de recuperación. Segundo detalla o fiscal, o golpe deixouno como secuelas, entre outras, unha deterioración leve das funcións cerebrais superiores, dores cervicais e lumbares e visión dobre que lle valeron a incapacidade total permanente.

 

Fonte: elidealgallego.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS