Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

O Consello de Ministros aprobará hoxe a nova Lei de Mutuas

18-07-2014 - Mutuas

O Consello de Ministros aprobará previsiblemente hoxe o Real Decreto de xestión da incapacidade temporal e o proxecto de lei de mutuas, polo que se concederá a estas entidades unha maior capacidade de intervención nas baixas médicas por enfermidade común. En concreto, as mutuas poderán realizar o seguimento da prestación de incapacidade temporal derivada de enfermidade común desde o primeiro día da baixa e formular, como ocorre actualmente, unha proposta de alta médica «motivada».

No anteproxecto de lei de mutuas que aprobou o Goberno en decembro pasado e que agora volve ao Consello de Ministros como proxecto de lei -con algúns cambios respecto do inicialmente exposto- establécese o cambio da denominación actual destas entidades (mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais), que pasarán a chamarse mutuas da Seguridade Social. A razón desta modificación, segundo alega o Goberno, é que o seu ámbito de xestión vai máis aló das prestacións derivadas das continxencias profesionais.

A norma inclúe ademais que as retribucións dos altos cargos destas entidades adaptaranse ás correspondentes do sector público e facilita a colaboración entre comunidades autónomas e mutuas para que as primeiras poidan utilizar os recursos «ociosos» das segundas en beneficio dos usuarios do Sistema Nacional de Saúde. Segundo Emprego, actualmente non se utilizan o 40% dos recursos das mutuas.

Outro dos obxectivos da lei de mutuas será o de facilitar o cobro da prestación por cesamento de actividade dos autónomos, prestación que xestionan as mutuas, debido a que se denegan moitas das solicitudes que efectúan os traballadores por conta propia (en 2012 o 80% das solicitudes foron rexeitadas). Neste sentido, simplificaranse os trámites administrativos, con requisitos máis realistas para acceder á prestación.

As mutuas son asociacións de empresarios,  cuxo obxecto exclusivo é a colaboración na xestión da Seguridade Social. Concretamente, ocúpanse da xestión das continxencias profesionais de case 13 millóns de traballadores, as continxencias comúns de máis de 11 millóns e o cesamento de actividade de case 600.000 autónomos.En 2012 ingresaron máis de 5.300 millóns de euros en concepto de cotas por continxencias profesionais, máis de 3.000 millóns por continxencias comúns, e máis de 131 millóns por cesamento de actividade.

Así mesmo, o Consello de Ministros ten previsto aprobar hoxe o Real Decreto sobre Incapacidade Temporal (IT), cuxo obxectivo é avanzar na mellora da xestión e seguimento dos procesos de IT e simplificar ao máximo os trámites.

Para iso, substitúese o actual sistema de expedición dos partes médicos de confirmación -de periodicidade semanal- por outro baseado na distinción de catro grupos de procesos, en atención á súa duración prevista, con distinta periodicidade na expedición dos indicados partes.

A tal fin, tomarase como referencia unha táboa orientativa de duración estimada da IT do traballador en función da súa patoloxía, idade, a repercusión da doenza que causou a incapacidade sobre o seu posto de traballo, etc. Esta información non é vinculante, senón de natureza informativa.

Na práctica isto tradúcese en que un traballador que vaia a estar de baixa durante un período prolongado de tempo non terá que acudir cada semana a confirmar a baixa, senón que o médico iralle dando cita en función das táboas orientativas establecidas.

Nesta liña de aforro de trámites, exponse suprimir o informe médico de maternidade cando a nai inicia a baixa e que agora se esixe para que poida comezar a gozar do seu tempo de descanso e da prestación. A acreditación do nacemento do fillo -partos naturais- coñecerase mediante a conexión informática de bases de datos co Rexistro Civil, co que o requisito do informe desaparece.

Fonte: EFE

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS