Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Novo marco estratéxico da UE en materia de prevención de riscos laborais (2021-2027)

05-10-2021 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 40

O pasado día 28 de xuño deste ano 2021 a Comisión Europea fixo público mediante unha nota de prensa, cuxo texto transcribimos neste artigo, o seu novo marco estratéxico para garantir a saúde e a seguridade das persoas traballadoras nun mundo laboral cada vez máis complexo e en constante cambio. Este novo marco estratéxico ten a vontade de ser válido e estar vixente no período que abrangue dende o presente ano 2021 ata o ano 2027 ámbolos dous incluídos.

 

 

 

                                                                              VISUALIZACIÓN FORMATO BOLETÍN

 

 

Os tres obxectivos principais deste novo marco son:

1. Anticipar e xestionar o cambio para garantir lugares de traballo seguros e saudables durante as transicións dixitais, ecolóxicas e demográficas. Nesta liña a Comisión revisará a Directiva sobre lugares de traballo e a Directiva sobre equipos de pantallas de visualización, e actualizará os límites de protección para o amianto e o chumbo; así mesmo desenvolverá unha iniciativa a nivel da UE sobre a saúde mental no traballo.

2. Fortalecer a prevención de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, mediante a promoción do enfoque “visión cero” destinado a eliminar as mortes relacionadas co traballo na UE. A Comisión tamén actualizará as normas da UE sobre substancias químicas perigosas para combater o cancro, os trastornos do sistema reprodutivo e as enfermidades respiratorias.

3. Mellorar a preparación para posibles crises de saúde futuras, extraendo leccións da pandemia actual e en estreita cooperación cos axentes de saúde pública. Este novo marco estratéxico ten como obxectivo mobilizar ás institucións da UE, os Estados membros, os interlocutores sociais e outras partes interesadas.

O novo texto substituirá á Estratexia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo 2014-2020.

De seguido pasamos a reproducir en parte a comunicación emitada pola Comisión Europea (CE) en relación a este tema.

Fonte: Comisión Europea

A saúde e a seguridade no traballo nun mundo laboral en plena transformación

Bruxelas, 28 de xuño de 2021

A pandemia de COVID-19 demostrou o papel tan decisivo que desempeñan a saúde e a seguridade no traballo para a protección da saúde dos traballadores/as, o funcionamento da nosa sociedade e a continuidade das actividades económicas e sociais esenciais. Neste contexto, a Comisión renova hoxe o seu compromiso de actualizar as normas de saúde e seguridade no traballo mediante a adopción do marco estratéxico da UE en materia de saúde e seguridade no traballo 2021-2027. Devandito marco establece as medidas clave necesarias para mellorar a saúde e a seguridade dos traballadores/as nos vindeiros anos.

Esta nova estratexia céntrase en tres obxectivos transversais, a saber, a) xestionar o cambio derivado das transicións ecolóxica, dixital e demográfica, así como da evolución da contorna de traballo tradicional, b) mellorar a prevención de accidentes e enfermidades e c) aumentar a preparación fronte a posibles crises futuras.

Nas últimas décadas avanzouse -por exemplo, os accidentes mortais no traballo reducíronse en aproximadamente un 70 % na UE dende 1994 a 2018-, mais queda moito por facer. A pesar dos avances, en 2018 producíronse na Europa dos Vinte e sete máis de 3.300 accidentes mortais e 3,1 millóns de accidentes non mortais. Cada ano morren máis de 200.000 traballadores/as por enfermidades relacionadas co traballo. A actualización do marco axudará a mobilizar ás institucións da UE, os Estados membros e os interlocutores sociais ao redor de prioridades comúns en materia de protección dos traballadores/as. As súas medidas contribuirán así mesmo a reducir os custos sanitarios e axudarán ás empresas, sen esquecer ás pemes, a ser máis produtivas, competitivas e sostibles.

O vicepresidente executivo para unha Economía ao Servizo das Persoas, Valdis Dombrovskis, sinalou o seguinte: “A lexislación da UE en materia de saúde e seguridade no traballo é esencial para protexer a case 170 millóns de traballadores, a vida das persoas e o funcionamento das nosas sociedades. O mundo do traballo está a cambiar, impulsado polas transicións ecolóxica, dixital e demográfica. Unhas contornas de traballo saudables e seguras propician así mesmo unha redución dos custos para as persoas, as empresas e a sociedade no seu conxunto. Por iso é polo que manter e mellorar as normas de protección dos traballadores segue constituíndo unha prioridade no marco dunha economía ao servizo das persoas. Necesitamos máis medidas da UE para que os nosos lugares de traballo se adapten ao futuro”.

O comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, engadiu: “O principio nº 10 do piar europeo de dereitos sociais outorga aos traballadores o dereito a un elevado nivel de protección da saúde e a seguridade no traballo. Este principio debe ocupar un lugar central na reconstrución que estamos a levar a cabo a partires da crise, que debe supoñer un cambio a mellor. Debemos aspirar a un enfoque de «visión cero» no que se refire ás mortes relacionadas co traballo na UE. Cando falamos de saúde no traballo non pensamos só no noso estado físico, senón tamén na nosa saúde mental e o noso benestar”.

Tres obxectivos clave: cambio, prevención e preparación

O marco estratéxico céntrase en tres obxectivos clave para os próximos anos:

1. Anticipar e xestionar o cambio no novo mundo do traballo: para garantir a seguridade e a saúde nos lugares de traballo durante as transicións dixital, ecolóxica e demográfica, a Comisión revisará a Directiva sobre os lugares de traballo e a Directiva sobre o traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización e actualizará os valores límite de protección para o amianto e o chumbo. Preparará unha iniciativa a nivel da UE relacionada coa saúde mental no traballo que avaliará os problemas emerxentes relacionados coa saúde mental dos traballadores/as e presentará orientacións para tomar medidas.

2. Mellorar a prevención de enfermidades e accidentes relacionados co traballo: este marco estratéxico promoverá un enfoque de «visión cero» co fin de eliminar as mortes relacionadas co traballo na UE. A Comisión tamén actualizará as normas da UE sobre produtos químicos perigosos para combater o cancro e as enfermidades reprodutivas e respiratorias.

3. Aumentar a preparación ante posibles futuras ameazas para a saúde: baseándose no aprendido durante a actual pandemia, a Comisión desenvolverá procedementos de emerxencia e orientacións para o despregamento, a aplicación e o seguimento rápidos de medidas no caso de que se produzan outras crises sanitarias no futuro, en estreita cooperación cos axentes da saúde pública.

As medidas do marco estratéxico implementaranse a través de:

I) Un diálogo social sólido; II) unha formulación de políticas reforzada, baseada en datos contrastados; III) unha mellor aplicación e supervisión da lexislación vixente da UE; IV) actividades de sensibilización, e V) a mobilización de fondos para investir en saúde e seguridade no traballo, por exemplo, con cargo a fondos da UE como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e os fondos da política de cohesión.

A Comisión pide tamén aos Estados membros que actualicen as súas estratexias nacionais de saúde e seguridade no traballo para garantir que as novas medidas cheguen ao lugar de traballo. Máis aló das fronteiras da UE, a Comisión seguirá así mesmo desempeñando un papel de liderado na promoción de normas estritas de saúde e seguridade no traballo a escala mundial.

Contexto

A actualización do marco estratéxico da UE en materia de saúde e seguridade no traballo 2021-2027, á luz da pandemia de COVID-19, forma parte do programa de traballo da Comisión para 2021. O piar europeo de dereitos sociais subliña no seu principio nº 10 que “os traballadores teñen dereito a un elevado nivel de protección da saúde e á seguridade no traballo”.

O 7 de maio de 2021, no Cumio Social de Porto, todos os socios renovaron o seu compromiso coa aplicación do piar e cunha Europa social forte, que se plasmou no Compromiso Social de Porto. Comprometéronse a “apoiar unha competencia xusta e sostible no mercado interior”, en particular a través de “lugares e contornas de traballo saudables”.

O marco estratéxico da UE en materia de saúde e seguridade no traballo 2014-2020 centrábase, entre outras cousas, na prevención das enfermidades relacionadas co traballo, en abordar o cambio demográfico e na aplicación da lexislación. Entre os seus principais logros figuran tres actualizacións sucesivas da Directiva sobre axentes carcinóxenos e mutáxenos e as directrices e ferramentas en liña para os empregadores, en particular sobre a COVID-19, da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA).

O novo marco baséase nas achegas dunha ampla gama de partes interesadas. Entre elas inclúense un informe da EU-OSHA sobre as estratexias estatais de saúde e seguridade no traballo, informes, recomendacións e audiencias co Parlamento Europeo, varias conclusións do Consello, conversacións cos interlocutores sociais e con expertos independentes, unha consulta pública e a opinión do Comité Consultivo para a Seguridade e a Saúde no Traballo (CCSST) e do Comité de Altos Responsables da Inspección de Traballo (SLIC).

Así as cousas

En definitiva a presente comunicación da Comisión Europea en relación ao lanzamento do novo Marco Europeo 2021-2027 en materia de Saúde Laboral e Prevención de Riscos aposta segundo parece por abordar unha importante parte dos presentes e futuros retos preventivos das persoas traballadoras europeas e das súas empresas, comprometendo para este obxectivo os imprescindibles e necesarios medios económicos procedentes dos fondos da UE, como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e os fondos da política de cohesión.

Así as cousas e logo de dous fatídicos anos perdidos, 2020 e 2021, polo actual Goberno do Estado en materia de impulso e avance nas políticas públicas de prevención de riscos e saúde laboral no conxunto do Estado español, trala paralización inxustificable e unilateral por parte do Ministerio de Traballo das convocatorias subvencionais dirixidas ao conxunto dos axentes sociais para a implementación de políticas de información, sensibilización, asesoramento e formación en materia de prevención de riscos e saúde laboral; cumpre que esta vez, obrigados como están pola propia Comisión Europea, o Goberno do Estado a través do Ministerio de Traballo impulse a inmediata elaboración do Plan Estatal de Prevención de Riscos laborais 2021-2027 que a súa vez servirá de marco de referencia para o conxunto dos correspondentes Plans Autonómicos nesta materia co gallo de implementar e poñer en marcha canto antes as iniciativas necesarias para dar cumprimento aos obxectivos mandatados no Marco estratéxico Europeo en materia de PRL.

Así mesmo e como parte deste mesmo proceso, cumpre que dunha vez por todas o Goberno do Estado cumpra cos acordos e o compromiso de transferencia ás CCAA, dunha parte importante dos fondos da Seguridade Social destinados á promoción das políticas de prevención de riscos laborais que ata agora viñan sendo xestionados na súa totalidade pola Fundación Estatal de Prevención de Riscos Laborais, co gallo de dar cumprimento ás setencias xudiciais que obrigan ao Estado a realizar estas transferencias en cumprimento da legalidade vixente.

Documentos

ARTIGO 1 Boletin CIG Saude Laboral N 40 Version galego.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS