Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Nos catro anos que comprenden o período 2013-2016, reducíronse á metade o número de traballadores/as protexidos por convenios colectivos que inclúen plans e programas de prevención de riscos laborais

28-02-2018 - CONVENIO COLECTIVO

Así é, no ano 2013 eran 935.567 os traballadores e traballadoras cubertos por convenios colectivos que incluían cláusulas de plans e programas de prevención de riscos laborais, pasando en 2016 a ser tan só 466.547, un 50% menos.

Sen ningunha dúbida a reforma laboral ten agudizado a falta de compromiso das empresas para adoptar medidas que protexan a seguridade e saúde dos/as traballadores/as, cuestión esta que se manifesta na sensible redución de convenios colectivos con cláusulas relacionadas coa prevención de riscos laborais.

Efectivamente segundo a información dispoñible, de maneira progresiva pero  continua, foise reducindo a negociación nos convenios colectivos de cláusulas que establecen plans e programas de prevención de riscos laborais, pasando dun 49,3% no ano 2010, a un 25,1% no ano 2013, e un exiguo 21% no ano 2016. Se atendemos ao número de traballadores/as aos que dan cobertura legal eses convenios, as cifras convértense se cabe en máis significativas e alarmantes, reducíndose practicamente á metade en 4 anos 2013-2016 o número de traballadores/as protexidos por estes, pasando de 935.567 a tan só 466.547.

Resulta evidente e manifesto que nos últimos cinco anos de reforma laboral do PP, produciuse un notable incremento da sinistralidade laboral, que só é posible evitar co adecuado cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais por parte das empresas, condición esta cada vez máis difícil de cumprir se temos en conta as continuas “indicacións” e “medidas” do Goberno do Estado para “reducir” e “ dulcificar” a presión e as esixencias ás empresas no cumprimento estrito desa normativa. A máis diso, unha reforma laboral que reduce  substancialmente a capacidade de negociación colectiva dos/as traballadores/as en relación as súas condicións de traballo, incrementa intencionadamente unha continua devaluación e deterioro das prioridades relacionadas coa seguridade e a saúde laboral dos/as traballadores/as.

Nesta conxuntura faise necesario, cando non imprescindible, activar a introducir nos convenios colectivos cláusulas e medidas destinadas a activar e incrementar os niveis de prevención de riscos e saúde laboral nas empresas, mellorando a protección dos/as traballadores/as:

Cláusulas que desenvolvan a obrigación da empresa de realizar unhas adecuadas e rigorosas avaliacións de risco, especialmente no que afecta a traballos de elevado perigo, colectivos especialmente sensibles (mozos/as, embarazadas, traballadores/as de maior idade, traballadores/as sen experiencia, etc.), sen esquecer en ningún caso os riscos  ergonómicos, os riscos psicosociais, os riscos químicos ou os riscos derivados da organización do traballo, cada vez con maior incidencia e importancia como consecuencia das esixencias de ritmo e intensidade de traballo  plantexadas polas empresas.

Establecemento e desenvolvemento de protocolos de actuación para facilitar as  adaptacións do posto de traballo ou mesmo o cambio de posto, cando o mesmo se é aconsellable ou obrigado  por motivos de saúde, diminución funcional e/ou discapacidade.

Cláusulas que contemplen a inclusión e  o desenvolvemento de plans de sensibilización, información e formación, establecendo e concretando duración, temáticas e contidos, modalidades de impartición e persoal necesariamente beneficiado.

Claúsulas que establezan e determinen as probas médicas a realizar a través do obrigatorio e necesario control do seguimento da saúde laboral, adaptando estas a cada traballador/a en función dos riscos laborais aos que especificamente esta sometido no seu posto de traballo.

Etc…

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS