Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Campaña do ISSGA: Adeus estrés!

20-01-2020 - ISSGA

Con esta campaña o ISSGA facilita consellos e medidas para o recoñecemento dos sinais do estrés: emocionais, cognitivos, condutuais e fisiolóxicos, así como exemplos de pautas no ámbito individual para unha mellor xestión do risco na poboación traballadora galega. Tamén pretende abordar de maneira preventiva a primeira causa dos accidentes laborais mortais en xornada en Galiza, que é a morte por infarto, derrame cerebral, etc. que, sen dúbida, é e ten que ser multicausal, pero que se evidencia como a causa con máis peso en sinistralidade mortal na actualidade en Galiza.

Obxectivos da campaña:

a) Obxectivos estratéxicos:

Insistir na importancia de previr os factores de risco psicosociais tanto de xeito colectivo (na organización) como de xeito individual (as persoas traballadoras).  

Fomentar a creación de empresas saudables, nas que o primeiro chanzo sexa a seguridade e saúde laboral mediante unha adecuada xestión preventiva en toda a súa extensión. 

Incidir na prevención das patoloxías non traumáticas que están a evidenciar o seu crecente peso na sinistralidade laboral. 

En definitiva, acadar a progresiva mellora das condicións de seguridade e saúde laboral e favorecer un emprego de calidade.

b) Obxectivo específico:

Facilitar consellos e medidas para o recoñecemento dos sinais do estrés: emocionais, cognitivos, conductuais e fisiolóxicos, así como exemplos de pautas no ámbito individual para unha mellor xestión do risco na poboación traballadora galega.

2. O por qué da campaña:

As persoas experimentan estrés laboral cando perciben que hai un desequilibrio entre as esixencias ás que están sometidas polo seu traballo e os recursos dos que dispoñen para facer fronte ás mesmas. 

É positivo o estrés que te fai responder ás túas demandas en situacións normais. 

Ese nivel de estrés fará que sexas máis rápido porque te axuda a concentrarte nesa demanda e a ser máis efectivo. 

O malo é cando este estrés se cronifica. 

É unha realidade que o umbral é distinto en cada persoa. 

Isto ten moito que ver coas empresas saudables que son máis competitivas porque os traballadores son máis produtivos e se moven en conceptos que axudan a flexibilizar, a conciliar, sen perder en produtividade. En empresas que desterran o presentismo innecesario ao tempo que se se produce un descenso do absentismo inxustificado. 

É moi importante para a xestión do estrés o deseño do posto de traballo o ambiente laboral e factores que son máis individuais, como o exercicio físico. 

Coa adopción dun enfoque correcto, os riscos psicosociais e o estrés laboral poden previrse e xestionarse de modo satisfactorio independentemente do tamaño ou o tipo de empresa.

 Nesta campaña danse 12 pautas que facilitan a xestión individual e o recoñecemento das causas do estrés:

1. Recoñece o teu estrés: Identifica as situación e os teus propios sinais de estrés.

2. Establece prioridades: Prioriza e revisa tarefas a eliminar, aprazar ou delegar.

3. Organiza o tempo de traballo: Planifica ben o traballo e fixa prazos ou ritmos realistas.

4. Rota tarefas: Alterna tarefas de distinto nivel de dificultade ou concentración.

5. Evita a multitarefa: Procura non realizar varias tarefas á vez.

6. Xornadas axustadas: Evita as xornadas de traballo prolongadas e compensa con actividades de descanso gratificantes.

7. Tempo de descanso: Fai pausas con frecuencia e axusta o descanso á carga de traballo.

8. Busca axuda: Cando o traballo sexa excesivo, pide axuda.

9. Trato con clientes: Adéstrate no manexo da ansiedade e o estrés en relación cos clientes.

10. Manexa a distancia emocional: Busca o equilibrio entre a sobreimplicación e a indiferenza co usuario.

11. Mellora a túa formación: Fórmate en técnicas de relaxación e xestión do tempo.

12. Vida saudable: Leva unha dieta saudable, realiza actividade física e mantén un bo descanso...

 Ademáis, incídese nos sinais do estrés que poden ser:

Emocionais: Irritabilidade, ansiedade, desánimo ou apatía, tendencia á introversión, fatiga, relación problemáticas...

Cognitivos: Dificultades para concentrarse, lembrar información, aprender cousas novas ou tomar decisións, pensamento negativo...

Condutuais: Hábitos nervosos, como morderse as uñas, abusar do tabaco, alcohol ou drogas, comer compulsivamente, problemas de sono, condutas violentas ou agresivas, de torpeza ou neglixencia, tendencia a retraerse…

Fisiolóxicos: Problemas gástricos ou de dixestión, dor no peito, tensión muscular, dor de cabeza, maior sudoración, mareos, falta de aire...

Ligazón ao cartel

Ligazón ao calendario

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS