Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva

Campaña ISSGA: Emprego de dispositivos electrónicos portátiles

29-06-2022 - ISSGA

Con esta campaña, o ISSGA quere incidir na prevención dos danos físicos e psicolóxicos asociados ao emprego do smartphone como instrumento de traballo, así como evitar as consecuencias, mesmo aditivas, da hiperconectividade. A utilización continuada destes dispositivos incrementa a exposición a riscos adicionais, tanto a nivel físico como psicolóxico. O Issga fai un chamamento a que dende o punto de vista preventivo se avance no desenvolvemento lexislativo e investigador sobre as consecuencias do emprego destes equipos portátiles de traballo na saúde das persoas, en especial das traballadoras e traballadores, a curto, medio e longo prazo.

A excepcional situación actual causada pola COVID-19 levou a establecer o carácter preferente do traballo a distancia e propiciou a necesidade de improvisar en moitos fogares este tipo de traballo sen os recursos, organización e soporte idóneos, polo que a xestión actual da prevención de riscos laborais debe axustarse a esta situación e toma especial importancia a necesidade de promover as boas prácticas preventivas nesta situación.

Co obxecto de que este traballo a distancia se leve a cabo dentro das mellores condicións de seguridade e saúde, o ISSGA, dentro do seu Plan de Actividades, elaborou unha campaña de sensibilización denominada TELETRABALLA CON PREVENCIÓN coas recomendacións e as medidas preventivas máis apropiadas para desenvolver esta actividade.

As TIC e os dispositivos electrónicos portátiles de traballo aumentan a produtividade, facilitando a capacidade de resposta en calquera momento ou lugar e ademais poden axudar á conciliación da vida persoal, familiar ou laboral.

Porén, a súa utilización prolongada e continuada tamén pode facer que esteamos expostos a riscos adicionais, especialmente de tipo ergonómico, como os derivados da exposición a posturas forzadas e a movementos repetitivos ou a fatiga visual.

Na documentación técnica elaborada para esta campaña faise fincapé naquelas recomendacións preventivas nos ditos aspectos:

EXPOSICIÓN A POSTURAS FORZADAS E A MOVEMENTOS REPETITIVOS

É importante facer un uso o máis racional e controlado posible dos dispositivos.

En xeral, cando se usan os dispositivos electrónicos portátiles (ordenador, tableta, teléfono móbil, ...) debemos apoialo e colocalo o máis alto posible e próximo á altura dos ollos.

Empregarase un equipo que permita manter a postura física o máis neutra posible: pés apoiados, costas rectas e con soporte lumbar, pescozo sen flexionar e distancias axeitadas; pode conseguirse todo isto con cadeiras regulables en altura ou dispoñendo os equipos informáticos á altura óptima.

Facer descansos a miúdo e exercicio de estendemento e relaxación; resultan máis eficaces as pausas curtas e frecuentes.

FATIGA VISUAL

Realizaranse exercicios de relación da vista, como por exemplo, contemplar de cando en vez escenas afastadas ou realizar exercicios de ”palmeado”.

Alternaranse traballos de pantalla con outros que supoñan menor carga visual.

Consideraremos a contorna de traballo, evitando reflexos e cegamentos na pantalla, axustaremos o tamaño de letra e regularemos o brillo e o contraste da pantalla para acadar unha lectura cómoda.

Ligazón ao cartel Emprego de dispositivos electrónicos portátiles

Ligazón ao tríptico

Ligazón á páxina do ISSGA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS