Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

As mutuas deberán vender o seu negocio privado de prevención

04-02-2014 - Mutuas

O Goberno prepara unha reforma profunda das Mutuas de Accidentes de Traballo e de Enfermidades Profesionais. Preténdese que se adiquen exclusivamente ás súas funcións como entidades colaboradoras da Seguridade Social. Así entre outras cuestións deberán desprenderse e vender a súa actividade privada, que está orientada á prevención de riscos laborais. En principio, estas entidades teñen até o 31 de decembro deste ano para facelo. E no caso de que, no devandito prazo, non vendesen a sociedade, ou a totalidade da súa participación na sociedade na que estean, as empresas correspondentes «entrarán en causa de disolución». Feito que debe ser trasladado ao Ministerio de Emprego e de Seguridade Social en xaneiro do próximo ano, «co acordo de disolución debidamente inscrito no Rexistro Mercantil» e con todos os documentos justificativos da operación que lle requira a Seguridade Social. É máis, o Goberno conta con que a venda das sociedades de prevención lle facilite o cobro da débeda de 40 millóns de euros que manteñen coa Seguridade Social.

Entre as razóns desta decisión esgrimidas polo  Executivo coas mutuas podemos citar  «A utilización dunha persoa xurídica instrumental de ficción [a sociedade de prevención de riscos laborais], que desenvolve unha actividade mercantil allea á Seguridade Social».
Un feito que resulta máis problemático para a Administración porque estas entidades, as mutuas, teñen un labor público «de suma importancia para a que reciben un volume de recursos públicos considerables». Preto de 11 millóns de euros a través das cotizacións sociais que pagan as empresas e os traballadores na cota de enfermidades e accidentes profesionais.
Nesta liña, o Executivo di que a continuidade desta situación pouco clara entre actividade pública e privada das mutuas «podería xerar situacións de competencia desleal e abuso de posición dominante» no mercado da prevención de riscos laborais. A Administración sostén que «é moi probable que a mutua utilice toda a bagaxe de información, relacións e posición que lle outorga a xestión da Seguridade Social en beneficio da súa sociedade mercantil, resultando que esta posición non a terán as súas competidoras no mercado».

A Seguridade Social «constatou a existencia deste problema [da mestura de actividades]», e a necesidade de resolvelo «mediante a desvinculación total das mutuas do ámbito da prevención de riscos laborais».
Mesmo, o Goberno teme que as mutuas «poderían empregar as súas sociedades de prevención de riscos laborais para a captación de empresas asociadas [dentro do seu labor da Seguridade Social]» o que pode dar lugar a unha competencia entre mutuas «pouco desexable». É dicir que «non estea baseada na calidade do servizo prestado ás empresas asociadas e aos traballadores de estas».
De feito, é a razón de fondo de que, ano tras ano, nos orzamentos do Estado, o Goberno impida un sistema de mercado libre entre as mutuas, o que provocou algúns encontróns dentro da patronal AMAT [entre grandes e pequenas] e entre esta e a propia Seguridade Social.
De feito, outras medidas que tomou o Executivo con estas entidades, que cobren a 12,8 millóns de traballadores, foron a limitación de soldos ao consideralas empresas públicas. Tanto dos directivos, como dos traballadores. Precisamente,  a Audiencia Nacional acaba de obrigar a estas entidades a conxelar os salarios, cumprindo os Orzamentos Xerais do Estado.

ASPA, a patronal das empresas privadas que se adican á prevención de riscos laborais, deu o seu respaldo a este capítulo da lei de mutuas. A norma atende a súa vella reivindicación de que as mutuas deixen de competir neste mercado utilizando recursos e medios públicos.No entanto,  fixeron outras dúas peticións ao Goberno. A primeira é que as novas sociedades que xurdan da operación da mutuas, deixen de ter calquera denominación relacionada coas entidades da Seguridade Social, e que a venda se faga a prezos de mercado. Aspa agrupa a 170 empresas e asociacións en todo o Estado español.

Fonte: Expansión

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS