Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A pandemia do COVID-19 acentúa a necesidade de protexer aos traballadores/as fronte á exposición a axentes biolóxicos

28-07-2020 - Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo

Un novo informe da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo EU- OSHA) resume os resultados dun gran proxecto destinado a facer fronte á exposición a axentes biolóxicos no lugar de traballo e os consecuentes efectos na saúde. Aínda que se levou a cabo con anterioridade á pandemia da COVID-19, as conclusións do proxecto resultan moi pertinentes dada a situación mundial actual. Os resultados abarcan sectores que son obxecto de preocupación, grupos vulnerables, riscos emerxentes e sistemas de seguimento.

A exposición a axentes biolóxicos no lugar de traballo está moi estendida e á vez ligada a un gran número de problemas de saúde, como as enfermidades infecciosas, as alerxias e o cancro. Calcúlase que só na UE morren cada ano uns 5.000 traballadores/as como resultado de enfermidades infecciosas de orixe laboral. O novo informe da EU-OSHA ten por obxecto concienciar sobre esta problemática e ofrecer información fiable que sirva de base para apoiar os esforzos destinados a establecer medidas preventivas eficaces.

A investigación aspiraba a detectar e describir as exposicións máis importantes, e o informe ofrece análises exhaustivas de cinco sectores ou tipos de ocupación particularmente expostos ao risco de exposición:

atención sanitaria

profesións relacionadas co animais

 tratamento de residuos e augas residuais

 explotacións agrícolas

profesións que inclúen desprazamentos ou contacto con viaxeiros.

O proxecto tamén se centra nos riscos emerxentes, como as bacterias multirresistentes e a propagación máis estendida de axentes infecciosos. A aparición da síndrome respiratoria agudo grave (SARS) e a epidemia do COVID-19 en Europa, por exemplo, foron postos en relación co fenómeno da globalización. A directora executiva da EU- OSHA, Christa Sedlatschek, subliña o efecto que teñen estas pandemias no sector sanitario: «Os problemas de saúde a escala global están a someter aos sistemas sanitarios a unha intensa presión, e precísanse medidas urxentes para protexer aos traballadores fronte a enfermidades infecciosas ademais de ofrecerlles equipo de protección. A saúde e a seguridade dos traballadores sanitarios ha de constituír unha prioridade nunha situación de emerxencia como a pandemia da COVID-19, que puxo de manifesto a importancia de aplicar as proteccións legais en vigor.»

Os expertos entrevistados para o proxecto referíronse á necesidade de contar con plans de emerxencia que consagren recursos financeiros a facer fronte a futuros brotes da enfermidade. Mencionaron así mesmo que a información obtida mediante sistemas obrigatorios de notificación podería axudar a identificar precozmente indicios da propagación dunha enfermidade.

Existe un marco legal para protexer ás persoas contra a exposición a axentes biolóxicos prexudiciais no lugar de traballo, pero é necesario incrementar a sensibilización. Para poder facer fronte aos riscos de maneira máis organizada, é necesario avaliar e rexistrar a exposición aos axentes biolóxicos e os consecuentes problemas de saúde. Tendo isto presente, a investigación examina e analiza os sistemas de seguimento das enfermidades e as exposicións. Con máis formación e orientación a empregadores e traballadores/as será posible garantir unha prevención máis sistemática.

A investigación subliña o descoñecemento en relación coa exposición aos axentes biolóxicos en todos os sectores, a excepción do sector sanitario e os laboratorios. Por outra banda, colectivos como os mozos/as, os traballadores/as da limpeza e o mantemento, os migrantes e as mulleres embarazadas están especialmente expostos. Así pois, resulta esencial mellorar o acceso á información e aplicar medidas específicas para protexer a estes grupos.

Os exemplos de estudos de caso demostran a importancia de recoñecer os riscos e de actuar de forma colectiva para abordalos. Por exemplo, en Finlandia, os servizos de saúde laboral utilizaron eficazmente os datos de vixilancia sanitaria para efectuar intervencións específicas en relación co pulmón do granxeiro. As medidas introducidas resultaron frutíferas pois se reduciu o número de casos e axudouse aos traballadores/as do sector agrícola que xa tiveran problemas de saúde.

O informe conclúe así mesmo que os sectores afectados por exposicións non intencionadas necesitan contar con orientacións de carácter xeral e que resulta esencial ofrecer información pertinente aos traballadores. Respectar a xerarquía das medidas de control establecidas na lexislación e priorizar as medidas de protección colectivas sobre as persoais constitúen dous aspectos fundamentais.

Ligazón ao informe final e o resumo

Máis información sobre enfermidades de orixe laboral causadas por axentes biolóxicos

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS