Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A enquisa hixiénica unha ferramenta imprescindible para unha correcta avaliación de riscos

18-01-2019 - HIXIENE

De entre todas as actividades a realizar para a preparación da avaliación de riscos, a realización da enquisa hixiénica constitúe unha ferramenta fundamental, empregada para a identificación das exposicións potenciais a contaminantes químicos, físicos ou biolóxicos.

Nunha enquisa hixiénica débense analizar os diferentes factores ambientais que interveñen na exposición a contaminantes - contacto dos traballadores/as cun axente químico, físico ou biolóxico que prexudica a súa saúde - o que vai permitir identificalos, avalialos e controlalos mediante a aplicación daquelas medidas preventivas que eliminen ou reduzan a situación de risco ocasionada po los devanditos contaminantes.

Definición

A enquisa hixiénica é o estudo previo ao comezo da actuación en Hixiene Industrial, é o proceso polo que se recompila toda a información posible para identificar aqueles factores presentes no ambiente laboral que poden danar a saúde dos traballadores/as.

A realización dunha enquisa hixiénica é unha tarefa complexa, polo que hai que evitar as posturas simplistas para non caer en formulacións erróneas, así pois, o/a hixienista debe realizar unha procura e ordenación da información do proceso a estudo. Esta información realízase de forma previa á visita de toma de datos para a avaliación de riscos, co obxectivo de obter a información que nos axudará a afrontar o problema cun profundo coñecemento do proceso.

Recompilada esta información, realízase a actuación no centro/posto de traballo, sendo moi importante na visita tanto a observación directa das tarefas que forman parte de cada proceso: que?, como?, onde?, canto tempo?, medidas preventivas dispoñibles?, como a elección da persoa para entrevistar que debe ser boa coñecedora do proceso. Para iso debe dispoñer de toda información necesaria (planos, equipos, sistemas de control, materias primas, reaccións, produtos finais, mantemento das instalacións.)

Identificación dos riscos

Para unha correcta identificación dos riscos hixiénicos é fundamental dar os pasos axeitados, por tanto, toda a información recompilada deberá facilitarnos dita labor.

Os riscos hixiénicos identificados no proceso estarán relacionados coa zona de traballo, a actividade desenvolta, as características do proceso, a tecnoloxía aplicada, as condicións de traballo, as instalacións e equipos que interveñen, a listaxe de substancias e mesturas químicas utilizadas, os produtos intermedios, os produtos finais, os residuos, as quendas de traballo, o número de traballadores/as expostos, as idades e sexo dos traballadores/as, os danos á saúde producidos, ademais daquelas medidas correctoras dispoñibles no proceso, tales como extraccións localizadas, a existencia de ventilación por dilución, illamentos acústicos, térmicos, mantemento preventivo, etc.

Ademais de todo iso hai que ter en conta pola súa incidencia no resultado final, a definición das tarefas que se realizan, como se realizan, o tempo de exposición ás mesmas, os axentes presentes en cada unha delas, posibles efectos aditivos, efectos potenciadores, así como a interferencia de tarefas que inflúen noutros postos ou zonas de traballo.

A partir dos riscos identificados, a exposición potencial aos axentes identificados pódese dividir en exposición a:

1-. Axentes químicos a partir de:

• As materias primas e por tanto da información facilitada polas fichas de datos de seguridade (FDS).

• Os produtos intermedios xerados ben en reaccións do proceso ou por tratamentos - temperatura, presión - e intervencións nas que se poidan xerar axentes químicos.

• Os produtos finais.

• Os subprodutos e os residuos xerados nas fases do proceso

Ademais na exposición a axentes químicos débese de ter en conta a concentración existente, os tempos de exposición aos mesmos e a súa toxicoloxía, esta información, independentemente do traballo realizado vai axudar no proceso de valoración mesmo nalgúns casos de forma independente da cantidade manexada no proceso.

2-. Axentes físicos, segundo a área de traballo, as instalacións, equipos e actividade, identificaranse exposicións potenciais a:

•  Ruído

•  Vibracións

•  Ultrasóns

•  Presión hiperbárica

•  Campos electromagnéticos

•  Radiacións ópticas

•  Radiacións ionizantes

•  Temperatura

•  Humidade

•  Iluminación

3-. Axentes biolóxicos: A súa exposición virá determinada polas instalacións dispoñibles así como pola propia actividade desenvolta na área de traballo e nos propios postos de traballo enquisados. É moi importante identificar os focos onde se xeran estes axentes, o medio por onde se poden propagar así como as medidas de control existentes, o que facilitará ao hixienista a proposta de medidas correctoras para eliminar ou reducir os riscos identificados como conclusión da avaliación.

Fonte: Quirón Prevención

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS