Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A crise remata coa metade do emprego do sector da prevención de riscos laborais

12-12-2013 - SAÚDE LABORAL

Os efectos da crise e da nova lexislación aplicada ás empresas de prevención de riscos laborais fixeron estragos no sector.

En tan só tres anos, aproximadamente o cincuenta por cento dos profesionais quedaron no paro, segundo a estimación do sociólogo Arsenio Valbuena, que ademais de empresario do sector da prevención foi presidente da Asociación de Servizos de Prevención de Asturias, integrada en FADE. "Estamos a vivir unha gran crise no sector. A prevención de riscos laborais quedou enterrada e, en pouco tempo, estámonos a cargar o avance que nos custou 15 anos conseguir", asegurou o experto. E engadiu: "En tres anos volvemos ao cincuenta por cento da facturación, o emprego e o número de empresas".

Pero o retroceso das empresas de prevención non ten unicamente consecuencias negativas para os profesionais do sector. E é que, segundo subliñou Valbuena, a bisbarra avilesina está a sufrir a deterioración xeneralizada das condicións de traballo que el ve traducido nun aumento dos accidentes laborais, na súa maioría "perfectamente evitables". "Nas empresas os recursos destinados a prevención caeron drasticamente, ben por despedimentos, porque xa non contratan a prevencionistas, ou ben pola deterioración das tarefas. E logo estamos a ver un aforro brutal no mantemento e iso é igual de absurdo que aforrar no mantemento do vehículo: ao final rebéntache a culata", comparou o sociólogo.

Xunto ao aforro en mantemento que, segundo Valbuena, afecta especialmente aos traballadores de empresas auxiliares, encóntrase un segundo problema: a presión sobre os custos que se traduce nunha carga excesiva de traballo. "Os incrementos de produtividade conséguense facendo o mesmo traballo con menos persoal, e iso é angustioso. Nas industrias hai medo, desconfianza, ansiedade, moita presión que se traduce en estrés e atropelos," alertou o expresidente da Asociación de Servizos de Prevención de Asturias. E engadiu: "Non se observan os protocolos nin os procedementos. Estamos a detectar unha hostilidade cara á función preventiva que normalmente esixe un gasto".

Un risco engadido é o dos fluxos migratorios dos profesionais que non só cambian de sector laboral senón mesmo de país. E en moitos países, asegura Valbuena, as mesmas empresas que en España cumpren coa normativa de riscos laborais, incúmprena flagrantemente en lugares como Brasil. "Ninguén llo esixe". A prevención de riscos laborais converteuse dende 1998 nunha profesión con grandes perspectivas de crecemento, un novo depósito de emprego para titulados universitarios con estudos de posgrao. Pero esa proxección está a quedar truncada, segundo advertiu o sociólogo. "Nos servizos de prevención perdeuse o 30 por cento do emprego e os coordinadores de obras desapareceron", engadiu en xustificación desa caída á metade dos postos de traballo relacionados co sector da prevención.

 

www. ine.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS