Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A Inspección de Traballo endurece o control de cotizacións sociais por accidente laboral

19-10-2015 - ITSS

O Ministerio de Emprego e Seguridade Social está a levar a cabo un amplo plan de inspección para comprobar as cotizacións sociais das empresas por accidentes de traballo cunha aplicación da lei moito máis severa. As inspeccións están a pecharse con reclamacións millonarias en moitos casos.

As cotas que se abonan para cubrir as continxencias de accidentes de traballo calcúlanse atendendo a unha tarifa que inclúe tipos de cotización diferentes en función da actividade da empresa e da ocupación do traballador. Canto máis risco ten a actividade, a cota á Seguridade Social para cubrir as consecuencias dun accidente de traballo é maior. Así, o tipo máximo é o 7,15% que se aplica aos mineiros, seguido do 6,70% para os traballadores da construción. A cotización máis baixa é o 0,90% aplicada á confección de pezas de vestir. Iso polo que se refire á actividade da empresa, pero hai un segundo cadro de tarifas subsidiario que se refire aos tipos aplicables a ocupacións e situacións en todas as actividades. Neste último encádranse os condutores de camións (cun tipo do 6,70%), o persoal de limpeza (cota do 3,60%) ou o persoal de oficina (cun tipo do 1%).

E aquí é onde está a clave deste plan de control do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que se está resolvendo con decenas de actas de inspección. Unha empresa que estea encadrada nun sector de risco e, por tanto, soporte un tipo de cotización elevado, normalmente conta con persoal de oficina polo que cotiza só ao 1%. Este sistema, permitía que determinado persoal dunha empresa dedicada a unha actividade de risco cotizase por un tipo máis baixo ao realizar traballos de oficina. As empresas, sinalan dende o Ministerio, aproveitaban para 'engordar' o que encadraban dentro do persoal de oficina co fin de cotizar menos, aínda que estritamente eses empregados non fosen oficinistas. Agora a inspección vaia esixir que todos os traballadores dunha empresa coticen por accidentes de traballo no epígrafe que corresponde á empresa, independentemente do traballo que realicen dentro dela. Por exemplo, unha empresa dedicada á enxeñería civil ten un tipo de cotización do 6,70%, o que supón 5,7 puntos porcentuais máis que a cota polo persoal adscrito a oficina, a aplicar sobre a base de cotización.

Supoñendo unha empresa de 1.000 traballadores cun soldo medio de 2.500 euros que tivese á metade cotizando como persoal de oficina e á outra metade como traballadores de enxeñería, a nova interpretación da Administración suponlle un acta de inspección de máis de tres millóns e medio de euros -a revisión inclúe o últimos catro anos- e, no futuro, ter que cotizar anualmente 900.000 euros máis (polos cinco puntos máis de cotización cada mes nese medio milleiro de traballadores).

Nesta nova actitude da Inspección de Traballo inflúe por unha banda unha Sentenza da Audiencia Provincial na que se estima o recurso da Tesourería da Seguridade Social na que conclúe que debe aplicarse o tipo de cotización da actividade da empresa (servizos técnicos de arquitectura e inxeniería) e non o de persoal de oficiña, e por outra que no novo sistema de liquidación electrónica de cotas da Seguridade Social esíxese o convenio colectivo quedando así adscrito á actividade da empresa.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS