Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A Enquisa Hixiénica, unha ferramenta imprescindible no procedemento de avaliación de riscos

09-04-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 31

A Hixiene Industrial é unha disciplina técnica de carácter preventivo que busca evitar as enfermidades profesionais e os danos á saúde que son provocados por axentes tóxicos no medio laboral. Desgraciadamente os axentes tóxicos e contaminantes son comúns en moitos lugares de traballo, podendo ser estes de orixe físico, químico ou biolóxico, formando parte dos procesos de produción e xerando, segundo os casos, distintos niveis de exposición e risco para a saúde dos traballadores/as.

 

 

                                                                            VISUALIZACIÓN EN FORMATO BOLETÍN

 

 

Axentes tóxicos de exposición potencial

A)   Axentes químicos

Na exposición a axentes químicos é imprescindible ter en conta a concentración existente, os tempos de exposición aos mesmos e a súa toxicoloxía, a efectos de ponderar axeitadamente as posteriores e necesarias valoracións.

B)   Axentes físicos

Que poden provocar unha exposición potencial, tendo especialmente en conta as áreas de traballo, as instalacións, os equipos, a maquinaria, etc. 

Axentes físicos: ruído, vibracións, ultrasóns, presión hiperbárica, campos electromagnéticos, radiacións ópticas, radiacións  ionizantes, temperatura, humidade, iluminación.

C)   Axentes biolóxicos

Neste caso a exposición vén fundamentalmente determinada polo tipo de actividade e as instalacións nas que se realiza. Resulta imprescindible identificar os focos nos que se xeran estes axentes biolóxicos, o medio polo que se poden propagar e cales son as medidas de control existentes.

A “Enquisa Hixiénica” constitúe un dos pasos previos e fundamentais para a preparación e  elaboración da avaliación de riscos. O seu cometido é a recompilación sistematizada de datos que poidan considerarse relevantes para identificar aqueles factores presentes no ambiente de traballo que poidan supoñer un perigo para a saúde.

A realización dunha enquisa hixiénica constitúe unha tarefa de certo nivel de complexidade que debe abordarse con método e rigor técnico, co gallo de evitar a comisión de erros que poderían non identificar axeitadamente os riscos e invalidar a pertinencia dos seus resultados.

Para cumprimentar a enquisa hixiénica débese proceder a unha toma de datos diversa que inclúe a observación directa dos procesos produtivos e os métodos de traballo empregados, a identificación e categorización dos produtos, subprodutos resultantes e substancias utilizadas.

Identificación dos riscos hixiénicos

A observación directa das tarefas que forman parte de cada proceso produtivo, así como as entrevistas aos operarios e técnicos que se considere teñen un fondo coñecemento das operacións que se realizan e como se realizan, constitúen unha parte importante da enquisa hixiénica para obter unha información precisa de cada situación.

Neste proceso, a identificación dos riscos a través da Enquisa Hixiénica deberá estar relacionada con: (a) as zonas e postos de traballo; (b) a actividade produtiva e as tarefas desenvolvidas; (c) as características dos procesos; (d) a tecnoloxía aplicada; (e) as condicións de traballo; (f) as instalacións e equipos que interveñen; (g) a relación de substancias e mesturas químicas utilizadas, os produtos intermedios, os produtos finais e os residuos; (h) as quendas de traballo; (i) o número de traballadores/as expostos/as; (l) a idade e sexo dos traballadores/as; (m) a saúde dos traballadores/as e os danos aos que se viron sometidos na realización do seu traballo, así como todas aquelas medidas e dispositivos correctores e preventivos que estean activados e operativos nas contornas de traballo a estudiar.

Toma de mostras

A toma de mostras para ser eficaz e rigorosa debe de ter en conta: 

Unha vez recollidos os datos cos resultados das medicións e o conxunto da información recompilada, haberá que proceder á análise das mesmas co gallo de determinar a situación hixiénica. Unha vez ordenada e sistematizada esta información haberá que establecer os criterios de valoración de cada risco identificado para avaliar o seu alcance e repercusión, cotexándoo cos valores límite medioambientais legalmente estabelecidos.

A avaliación da Enquisa Hixiénica só remata cando se elabora un informe completo cos resultados da mesma. A súa finalidade será dobre: deixar constancia e rexistro de todos os datos e informacións recollidas coas súas consecuentes conclusións, e por outra servir de soporte documental para o proceso de comunicación e información dos resultados con todos os interesados, especialmente os traballadores/as e os seus representantes.

A partires dese intre, os resultados da Enquisa Hixiénica pasarán a configurarse como unha parte esencial da avaliación de riscos en proceso de elaboración.

 

Documentos

ARTIGO 4 BOLETIN GALEGO 31.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS