Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A CIG rexeita o Anteproxecto de Lei polo que se muda a Lei Xeral da Seguridade Social no relativo ao réxime xurídico das Mutuas

24-01-2014 - MUTUAS

Desde 1995 os sucesivos Gobernos españois veñen de aprobar diversas disposicións legais e regulamentarias de cara a facilitar o control, mediante as Mutuas, da asistencia sanitaria da clase traballadora por parte da patronal, conceptuadas estas como asociacións de empresarios que, sen embargo, xestionan recursos públicos. O Anteproxecto, que a CIG rexeita, continúa con este proceso de privatización da xestión da sanidade pública e supón un agravamento moi importante nesta dirección.

Neste proceso de privatización progresiva as mutuas estenden seu campo de acción para xestionar non so as continxencias profesionais (accidentes de traballo e enfermidades profesionais) senón tamén continxencias comúns, como a prestación por Incapacidade Temporal (IT), a prestación por cese de actividade do traballo autónomo, etc. A CIG oponse a este camiño sen límite da ampliación das competencias das Mutuas, que abre a porta á xestión privada de todo tipo de prestacións da seguranza social.

No Anteproxecto recóllense unha serie de medidas totalmente rexeitables como a posibilidade das mutuas de intervir desde o primeiro día da IT, a través de convocatorias e recoñecementos da persoa enferma, así como a facultade de propor a alta médica e que esta se faga efectiva si a inspección sanitaria da seguranza social non se opón, ou non contesta, antes de cinco días. Medidas estas que supoñen un custe persoal e económico para as persoas enfermas  e unha situación de maior desprotección fronte ás decisións das Mutuas, que, non o esquezamos, son mutuas patronais onde priman os criterios de aforro sobre os criterios de saúde na xestión das baixas médicas.

Non son medidas para atallar un absentismo desproporcionado, que por certo estatisticamente ven baixando cada ano, senón para fortalecer o papel das mutuas e potenciar as súas actuacións de carácter privado, cuestionando así a profesionalidade do persoal sanitario do sistema público de saúde.

O Anteproxecto tamén impón que os Servizos de Prevención de Riscos Laborais que teñen as Mutuas sexan vendidos antes do 31 de decembro de 2014. Estes servizos, executados a través de sociedades mercantís, era o único servizo, de todos os que prestan as mutuas, que estaba relativamente ben valorado polas empresas e traballadores. Realmente as mutuas teñen moito interese directo en que funcionen ben porque, ao fin e ao cabo, son elas as que teñen que pagar as consecuencias dos accidentes laborais. Pois ben, agora se lles obriga a que vendan eses servizos, que segundo o goberno afectan á concorrencia competitiva, e van a ser compradas previsiblemente por grandes aseguradoras con criterio de puro negocio e sen representación obreira de ningún tipo como ata agora teñen as mutuas nos seus órganos de dirección.

No Anteproxecto cuestionase tamén o financiamento da Fundación de Prevención de Riscos Laborais, a través da reestruturación das reservas e excedentes das mutuas. Esta Fundación asesora e atende principalmente ás pequenas empresas. Se a iso se lle suma que coa  “Lei de Emprendedores”, nas empresas de menos de 25 persoas empregadas o xefe pode directamente cumprir coas labores de prevención de riscos, podemos imaxinar en que situación de desprotección van a quedar os traballadores e traballadoras desas empresas, que son a grande maioría na Galiza.

Finalmente , a CIG mostra o seu desacordo co cambio na denominación das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, que o anteproxecto lles chama agora “Mutuas da Seguranza Social”, porque dito cambio non é puramente formal, senón que explica perfectamente a intencionalidade do Goberno español de estender cada vez máis o eido de actuación das Mutuas na xestión das continxencias comúns.

Fonte: CIG

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS