Financiado por:
/ Medio ambiente

Urxe limpar o espazo

27-05-2013 - MEDIO AMBIENTE

Uns 5.000 lanzamentos realizados dende que comezou a era espacial ensuciaron tanto as órbitas terrestres que chegou o momento de empezar a limpar o lixo acumulado aí arriba e que pon en perigo os satélites en funcionamento.

Non abonda, polo tanto, con reducir o ritmo de produción de máis e máis lixo, senón que hai que pensar xa en tecnoloxías e estratexias para quitala, advirten os expertos. Os enxeñeiros estudan diferentes opcións, pero o que está claro é que hai que actuar canto antes. "As medidas para mitigar o problema do lixo espacial, se os deseñadores de satélites e os operadores de misión as implementan axeitadamente, poden cortar o crecemento da poboación de refugallos en órbita.

Non obstante, a retirada activa de lixo é necesaria para reverter o crecemento de fragmentos, declarou Heiner Klinkrad, director da oficina de Lixo Espacial da Axencia Europea do Espazo (ESA), na sexta conferencia deste organismos dedicada ao problema. Máis de 350 expertos de todo o mundo debateron os problemas do lixo espacial na reunión celebrada no centro de operacións ESOC, en Darmastadt (Alemaña).

"Hai un amplo e forte consenso entre os expertos acerca da necesidade de actuar agora para empezar as actividades de retirada de lixo espacial", sintetizou Klinkrad. "A nosa comprensión do crecente problema do lixo espacial pódese comparar coa necesidade de afrontar o problema do cambio climático na Terra hai 20 anos".

Actualmente, hai uns 170 millóns de fragmentos de lixo espacial de tamaño superior a un milímetro, segundo as estimacións dos expertos, 670.000 dos cales son maiores dun centímetro e 29.000 de máis de 10 centímetros. Ás altas velocidades que levan, mesmo os máis pequenos supoñen un perigo para os artefactos espaciais funcionando, xa que o seu impacto pode afectar a partes vitais deste. Pero cando teñen xa un tamaño considerable, os efectos son doadamente catastróficos. Por exemplo, os expertos da ESA recordaron que a colisión no espazo dun satélite estadounidense de comunicacións (Iridium-33) cun satélite militar ruso (Kosmos-2251) provocou a destrución de ambos os dous e xerou máis de 2.200 anacos observables.

O perigo é constante. A mesma Estación Espacial Internacional (ISS) ten que manobrar de cando en vez para evitar o risco de colisión cun fragmento de lixo espacial que podería mesmo ser letal para os astronautas: unha perforación na fuselaxe e a despresurización do campamento orbital supoñería unha grave emerxencia, no mellor dos casos.

O lixo non está repartido uniformemente, senón que hai algunhas órbitas especialmente sucias: as comprendidas entre 800 e 1.000 quilómetros de altura sobre a superficie terrestre. A concentración aumenta o risco para os satélites que operan á devandita altura, pero tamén facilitaría o desenvolvemento de misións de retirada de artefactos vellos ou pezas, sinalan os expertos.

Aproximadamente 1.000 satélites (sobre todo de telecomunicacións, meteorolóxicos, de navegación, científicos e de observación da Terra) están activos en órbita actualmente. A súa destrución tería un custo inmenso. "Malia que as medidas para evitar o crecemento dos refugallos no espazo e as actividades para a retirada de satélites que non funcionan son tecnicamente esixentes e potencialmente custosas, non hai alternativa para protexer o espazo como un recurso valioso para a nosa crítica infraestrutura de satélites", explicou Klinkrad.

Pero o problema non se limita á enxeñaría, recoñecen os expertos, senón que suscita tamén problemas legais e esixe acordos internacionais. Por exemplo, se un satélite que xa non estivese operativo constituíse un risco para o resto dos artefactos na súa mesma órbita e se decidise enviar unha misión para retiralo habería que pedir permiso ao seu propietario? Quen pagaría a operación? Os expertos conclúen que mentres as tecnoloxías de retirada de lixo espacial deberían ser xenéricas para poder utilizarse con diversos obxectos, habería que concretar acordos en cada caso cos propietarios dos obxectos a liquidar.

 

Fonte: elpais.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS