Un perito inglés cuestiona decisións das autoridades do estado español no caso Prestige30-05-2013 - MEDIO AMBIENTEO consultor marítimo internacional e ex-xefe de Garda-Costas do Reino Unido, John Astbury, cuestionou a decisión de afastar o "Prestige" da costa, ao non "reavaliar" a situación, e argumentou que trasladalo a un lugar de refuxio tería "salvado" o buque afundido en novembro de 2002 fronte ás costas galegas. |
---|
No xuízo que se segue pola catástrofe,Astbury cuestionou as ordes dadas polas autoridades do estado español un día despois do accidente (acontecido o 13 de novembro de 2002) e indicou que "non" se obtivo asesoramento técnico preciso "xa que, na súa opinión, non se dispuxo da suficiente información técnica para avaliar a situación do barco”.
"Só se tivo en conta unha opción: a aplicación inicial do plan", afirmou o perito británico, que considera que se tería que ter buscado "máis información" para poder reavaliar a decisión de afastalo pero, no caso do "Prestige" "isto non foi así", engade.
Na súa declaración, Astbury sinalou que, ademais da opción de afastar o buque, tamén se tería que ter considerado a posibilidade de buscar un refuxio. "Foron moi escasas as reunións e non se logrou información satisfactoria", sinalou o perito inglés, que cualificou como "apresurada" a decisión de afastar o barco da costa. Unha decisión que, ao seu xuízo, se tomou sen "reavaliar" a situación en función á nova información obtida.
Potenciais refuxios
Ao fío diso, defendeu a tese de abrigar o barco e sinalou que en Galicia habería 17 potenciais lugares de refuxio. Non obstante, as autoridades decidiron nas primeiras horas do sinistro afastar o barco da costa e dirixilo a "un rumbo contrario, cara ao mal mar" dixo.
Por outra parte, este perito cuestionou que o día 14 de novembro non se enviase ao barco un inspector para avaliar os danos do buque o que, ao seu xuízo, "permitiría tomar decisións engadidas" para "salvar o barco e evitar unha contaminación grave".
No seu informe sobre a xestión da crise entre o 13 e o 19 de novembro de 2002, o perito inglés considera que non se realizou "ningunha avaliación de risco" e que, en ningún momento, se "tivo en conta" o tipo de carga que transportaba o petroleiro e o impacto que provocaría.
Máis declaracións
O xuízo prosegue esta semana coa declaración de Stratos Kostazos, capitán do buque "Prestige" antes de que asumise o mando Apostolos Mangouras -un dos tres acusados pola catástrofe marítima-. Tamén declarará George Alevizos, antigo director técnico da frota de Universe Maritime, armadora do "Prestige".
Fonte: ambientum.com