Financiado por:
/ Medio ambiente

Un estudo revela un aumento dramático nos envelenamentos globais por causa de praguicidas

03-02-2021 - SAÚDE

Nun estudo exhaustivo publicado o 7 de decembro, os científicos conclúen que os envelenamentos por praguicidas no sector agrario aumentaron dramaticamente dende a última avaliación global hai 30 anos. En base a unha avaliación de datos de envelenamentos dispoñibles de países en todo o mundo, os investigadores conclúen que hai ao redor de 385 millóns de casos de envelenamentos agudos cada ano, fronte a 25 millóns de casos estimados en 1990.

Isto significa que ao redor do 44% da poboación mundial que traballa no sector agrario - 860 millóns campesiños e traballadores agrícolas-, son envelenados cada ano.

A revisión sistemática dos envelenamentos agudos, non intencionados, por praguicidas, foi publicada hoxe na revista arbitrada (revisada por pares), BMC Public Health. O artigo, titulado “A distribución global de envelenamentos agudos involuntarios por praguicidas: Estimacións baseadas nunha revisión sistemática”, é a primeira estimación mundial dese tipo dende 1990.

“Estes achados destacan a urxencia de reducir e eliminar o uso de praguicidas altamente perigosos” di Kristin Schafer, coordinadora de Pesticide Action Network (PAN) Internacional. “Estes pesticidas causan envelenamentos inaceptables ás persoas que producen os nosos alimentos, pero tamén teñen efectos crónicos de saúde como o cancro e impactos ecolóxicos como o colapso da biodiversidade. Hai moito tempo que se deberían tomar medidas a nivel mundial”.

O estudo revela que o numero maior de casos non fatais de envelenamentos dáse no sur de Asia seguido do sueste asiático e o leste de África. A incidencia nacional máis alta rexistrouse en Burkina Faso, onde case o 84% dos campesiños ou traballadores agrícolas sofren envelenamentos agudos non intencionados por praguicidas.

Estímase que o total mundial de fatalidades por envelenamentos agudos, involuntarios por praguicidas, resulta en 11.000 mortes anuais. Case 60% delas acontecen nun só país, a India, indicando problemas serios co uso de pesticidas, segundo os investigadores.

“Os envelenamentos por praguicidas constitúen unha crise de saúde pública, que debe ser abordada” afirma Sarojeni Rengam, Director Executivo de PAN Asia Pacífico. “máis aló dos sufrimentos inmediatos, os envelenamentos reflicten tamén unha exposición que causa problemas de saúde crónicos a longo prazo. É chocante e vergoñoso que este problema empeorase en lugar de mellorar nos últimos 30 anos”.

Os autores do novo estudo realizaron unha revisión sistemática da literatura científica publicada entre 2006 e 2018, seleccionando un total de 157 traballos despois de avaliar máis de 800 traballos para determinar a súa elexibilidade de acordo con criterios establecidos, e datos adicionais da base de datos da OMS sobre as causas de morte.

Os datos abarcan 141 países en total. A maioría dos estudos enfócanse nos envelenamentos ocupacionais, en particular dos agricultores e os traballadores agrícolas.

“Recoñecemos que hai limitacións nos datos sobre envelenamentos por praguicidas”, sinala Javier Souza, coordinador de PAN Latinoamérica. “Con todo este estudo mostra claramente que se trata dun problema grave e global que require accións inmediatas. Praguicidas altamente perigosos deben ser eliminados progresivamente ata 2030 para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible mundiais e debemos cambiar cara a sistemas máis sans e resilientes como a agroecoloxía.”

O número estimado de envelenamentos mundiais non mortais, non intencionados, por praguicidas no presente estudo, é significativamente maior que as estimacións anteriores. Isto débese en parte a que o estudo actual abarca un maior número de países, e tamén a que houbo un aumento do 81% no uso de praguicidas dende 1990 (estímase que en 2017 utilizáronse 4.1 millóns toneladas de praguicidas en todo o mundo). Os investigadores apuntan á falta de información para explicar as estimacións relativamente baixas de casos mortais.

O subrexistro tamén é un problema para os envelenamentos por praguicidas en xeral, xa que moitos sistemas de presentación de informes de países específicos carecen dun punto central de información ou dun mecanismo xurídico que esixa a presentación de informes sobre incidentes.

Os autores conclúen que a pesada carga que supoñen os envelenamentos non intencionados e non mortais por praguicidas, en particular para os agricultores e os traballadores agrícolas, pon de relevo o rumbo das políticas actuais, que se centran unicamente nas mortes, e a necesidade de abordar máis seriamente o problema xeral d o envelenamento por praguicidas nas políticas e regulamentos internacionais e nacionais.

Nota: Aínda que este estudo non abarca os suicidios por envelenamento con pesticidas, estímase que 14 millóns de persoas morreron por suicidio utilizando praguicidas dende a Revolución Verde na década do 1960. Nun recente exame sistemático dos datos sobre suicidios de 2006 a 2015, que este estudo non abarcou, determinouse que os praguicidas representaban entre o 14 e o 20% dos suicidios a nivel mundial, o que provocou entre 110.000 e 168.000 mortes anuais durante o período 2010-2014. 

Ligazón ao estudo: "The global distribution of acute unintentional pesticide poisoning: estimations based on a systematic review"

Ligazón á nova en Pan-International

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS