Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Un estudo proba que a contaminación de Norteamérica chega a Europa

06-06-2014 - Contaminación

Un equipo científico internacional liderado por investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) achou restos de polibromodifenil éteres (PBDE) (mesturas de compostos que se usan en mobles e aparellos electrónicos) en mostras de deposición atmosférica recollidas en catro áreas de montaña europeas entre 2004 e 2006. Este achado mostra que a contaminación xerada en Norteamérica chega a Europa viaxando por encima do océano Atlántico. Os resultados do estudo publicáronse na revista Atmosferic Chemistry and Physics.

Segundo apuntan os investigadores, trátase do primeiro traballo que proba a transferencia transcontinental de contaminantes entre Norteamérica e Europa, e mostra a importancia planetaria dalgúns destes procesos, o que require acordos internacionais para tratar os problemas asociados a estes contaminantes.

Os autores advirten sobre o risco que supoñen estes compostos químicos. "Hai algúns traballos que mostran efectos destes contaminantes na saúde infantil", sinala Joan Grimalt, autor da investigación e científico no Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga do CSIC.
"Por exemplo, observouse que nenos expostos a cantidades máis altas destes compostos manifestaban dificultades de comportamento social aos catro anos", engade Grimalt. "Tamén se viu que nenos alimentados con leite materna que contiña estes contaminantes en concentracións máis altas tiñan un atraso no desenvolvemento neurocognitivo".

Lugares afectados


A análise achou PBDE nas mostras recollidas nos lagos Redon (nos Pireneos cataláns), Gossenköllesee (Alpes suízos), Lochnagar (Escocia, Reino Unido) e Skalnate (Eslovaquia).
Nas mostras recollidas nos lugares máis occidentais, Lochnagar e Redon, observouse que cando as traxectorias das masas de aire procedían do Atlántico, a proporción de PBDE era máis elevada. Esta mostra suxire que a transferencia transcontinental destes contaminantes ten un impacto en Europa.
Noutros sitios analizados, como Skalnate, e en menor medida en Redon, achouse ademais outra fonte PBDE procedente do centro de Europa que corresponde ás emisións secundarias da mestura comercial pentaBDE.
Os fluxos destas emisións secundarias tamén dependen da temperatura, a deposición de partículas totais e as precipitacións; canto maiores son estas variables, máis elevado é o fluxo de PBDE observado. Finalmente, tamén se achou outra fonte de PBDE específica de Reino Unido que achega parte deste contaminante en Lochnagar.

Fonte: CSIC

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS