Financiado por:
/ Medio ambiente

Renovables: principal fonte de enerxía no Estado español

13-03-2014 - ENERXÍA

O Observatorio de WWF de febreiro destaca que a produción de orixe renovable aumentou respecto a febreiro do ano pasado, chegando aos 12.453 GWh, o que supón un 56,8% respecto á xeración total do Sistema Peninsular, alcanzando un máximo histórico.

WWF recorda que a principal vantaxe das enerxías renovables é que se trata de fontes sostibles, limpas e autóctonas, que non emiten emisións de gases de efecto invernadoiro, polo que combaten o cambio climático. Tamén contribúen a reducir a nosa dependencia enerxética exterior en importación de combustibles fósiles (principalmente petróleo e gas natural) e evitan a compra de dereitos de emisión de CO2, o que mellora a balanza comercial española.

Raquel García Monzón, Técnico de Enerxía de WWF España, declara: "A maior xeración con enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética debería ser o piar de calquera reforma enerxética porque reduce a dependencia enerxética, os custos enerxéticos dos consumidores e mellora a competitividade de todos os sectores da economía e crea emprego".

O Observatorio da Electricidade en cifras

WWF analizou a situación do balance eléctrico do mes de febreiro 2014 e destaca que a demanda foi cuberta en primeiro lugar pola enerxía eólica, cun 27,2%, a continuación pola enerxía hidráulica, cun 25% de cobertura, seguido da enerxía nuclear (22,5%).

Non obstante, a novidade deste mes é que diminuíu substancialmente a xeración de electricidade con ciclos combinados de gas natural (5,6% de cobertura) e das centrais térmicas de carbón (3,4%). Como consecuencia, diminuíron substancialmente as emisións totais de CO2, pasando de 3.177.531 ton CO2 en febreiro de 2013 a 1.178.837 ton CO2 en febreiro de 2014. Ademais, as emisións específicas de SO2 e NOx tamén diminuíron, principalmente polo importante descenso do carbón, pasando de 0,297 g a 0,089 gr/KWh de SO2 e de 0,212 a 0,072 gr/KWh NOx.

Segundo o Observatorio da Electricidade de WWF, en febreiro de 2014 aumentou a produción de enerxía de orixe renovable, chegando este mes a un total de 12.453 GWh. Isto supón un 56,8% respecto á xeración total, e aumentou respecto ao mesmo mes do ano pasado, onde se xeraron 10.044 GWh e supón un máximo histórico.

Se analizamos por tecnoloxías, a enerxía eólica alcanzou unha alta participación na xeración eléctrica situándose no primeiro posto do mix, cunha contribución do 27,2% e unha xeración de 5.973 GWh. Con térmica non renovable (coxeración e resto) xeráronse 2.010 GWh (9,2%), con minihidráulica xeráronse 700 GWh (3,2%), con térmica renovable xeráronse 302 GWh (1,4%), con enerxía solar fotovoltaica xeráronse 431 GWh (2%), e con enerxía solar térmica xeráronse 109 GWh (0,5%).

 

Fonte: WWF

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS