Financiado por:
/ Medio ambiente

Remitida ás Cortes Xerais a modificación da Lei de Responsabilidade Ambiental

22-01-2014 - MEDIO AMBIENTE

O Consello de Ministros aprobou, por proposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a remisión ás Cortes Xerais do Proxecto de Lei polo que se modifica a Lei 26/2007 de Responsabilidade Ambiental, co que se garante a obriga de previr, evitar e reparar as ameazas e os danos ambientais.

A Lei 26/2007, do 23 de outubro, de Responsabilidade Ambiental, que traspuxo a Directiva 2004/35/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, establece en España un réxime administrativo de responsabilidade ambiental, baseado nos principios de "prevención" e de que quen contamina, paga.

Este réxime prevé que os operadores que ocasionen este tipo de danos ou ameacen con causalo deben adoptar as medidas necesarias para previlos ou, no caso de que xa se producisen, devolver os recursos naturais danados ao estado no que se encontraban.

O Proxecto de Lei, que conta cun único artigo con doce apartados e tres disposicións finais, modifica a citada norma co obxectivo de reforzar a súa vertente preventiva, así como de simplificar e mellorar a aplicación do marco normativo.

En concreto, reforza os aspectos preventivos do marco normativo mediante o fomento das análises de riscos ambientais como ferramenta de xestión do risco ambiental e mellora e aclara distintos aspectos relacionados coas garantías financeiras (mecanismo que permite facer fronte á responsabilidade ambiental inherente á actividade que se pretenda desenvolver).

Propón tamén reducir as cargas administrativas aos operadores económicos e dotar dunha maior eficacia ás administracións mediante a simplificación do procedemento de constitución da garantía financeira.

Ampliación do dano ambiental ás augas

Como novidade, o Proxecto de Lei amplía o concepto de dano ambiental ás augas para asegurar que a responsabilidade se aplique tamén ás augas mariñas, segundo recolle a Directiva 2013/30/UE sobre a seguridade das operacións relativas ao petróleo e ao gas mar dentro.

A experiencia adquirida durante os anos de aplicación da Lei 26/2007 puxo de manifesto a necesidade de reforzar os seus aspectos preventivos, polo que se considera oportuno impulsar o uso das análises de riscos ambientais como unha ferramenta importante para a súa xestión.

Con este obxectivo, establécese que as autoridades competentes adopten medidas para impulsar a realización voluntaria de análise destes riscos entre os operadores de actividades que sexan susceptibles de ocasionar danos ambientais, como unha medida de minimización e xestión do risco.

Esta normativa, que foi sometida o ano pasado a participación pública a través da páxina web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, foi tamén analizada coas Comunidades Autónomas na Comisión Sectorial e na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente e co Consello Asesor de Medio Ambiente (CAMA), o organismo asesor do Goberno nesta materia.

 

Fonte: Ambientum / Magrama

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS