Financiado por:
/ Medio ambiente

Remata o xuízo do Prestige pero continúa a polémica

15-07-2013 - MEDIO AMBIENTE

Ecoloxistas en Acción denuncia que máis alá dos tripulantes, o capitán e o Director da Mariña Mercante, moitos responsables últimos do accidente, dende o armador aos líderes políticos do momento que tomaron nefastas decisións, nin sequera aparecen como imputados no caso.

Despois dunha longa instrución de 10 anos e case 8 meses de vista, queda visto para sentenza o xuízo polo Prestige.

Repítese unha vez máis o esquema xudicial ante unha gran catástrofe ambiental: un lento e tortuoso proceso xudicial no que quedan fóra os verdadeiros responsables.

O xuízo pola catástrofe do petroleiro Prestige, acontecida en 2002 fronte ás costas de Galicia, estívose a celebrar en A Coruña dende finais de 2012 e está previsto que quede visto para sentenza hoxe mesmo. Durante estes máis de 7 meses practicáronse todas as declaracións dos acusados e dos centos de testemuñas e peritos que o xuíz, a fiscalía e as múltiples partes comparecidas propuxeron.

Aínda non se ditou a sentenza pero xa se sabe que as responsabilidades penais se van limitar, en todo caso, a tres membros da tripulación e ao ex-Director Xeral da Mariña Mercante.

Outros posibles responsables de que o buque tivese un estado de conservación deplorable, como o armador, a clasificadora, o propietario ou o fretador, ou outras autoridades políticas que interviñeron na nefasta decisión de afastar o buque da costa non estiveron imputados ao longo da instrución, nin acusados durante a vista oral e, polo tanto, non poderán ser condenados na sentenza que se dite.

Sen esquecer a clamorosa ausencia como imputados dos responsables do Goberno de José María Aznar, os cales optaron pola peor alternativa posible con gran descoñecemento da gravidade do asunto que se traía entre mans.

Ecoloxistas en Acción quere destacar que non se determinou quenes foron os verdadeiros responsables da catástrofe. Non cabe dúbida de que en primeiro termo foron o capitán e outros membros da tripulación que puideron cometer erros na navegación ou no mantemento técnico do barco. Pero tamén son responsables do seu estado, do cumprimento das medidas de seguridade que lles tivesen podido impoñer nas revisións efectuadas, do investimento en medidas de mantemento e mellora da estrutura e casco do buque, o armador, o fretador, o propietario ou a compañía de inspección (LRS). Esa cadea de posibles responsabilidades hai que desentrañala.

Do mesmo modo, para a organización ecoloxista, a instrución deste longo proceso penal ao longo de máis de 10 anos pon de manifesto as enormes dificultades que existen á hora de perseguir xuridicamente os casos de grandes catástrofes ambientais. A complexa instrución do proceso penal tívose que realizar nun xulgado, o de Corcubión (A Coruña), con escasos medios para un asunto de 230.000 folios de dilixencias, 55 acusacións, 1.500 prexudicados, 140 testemuñas e 98 probas periciais. Tantos anos de instrución puxeron de manifesto que os medios adicionais postos a disposición dese xulgado non foron suficientes como para realizar a devandita instrución nun tempo razoable.

Ecoloxistas en Acción constata que sempre que se produce un asunto penal por algunha gran catástrofe ambiental no que está implicada unha ou varias grandes compañías, o proceso xudicial deriva nun lento e tortuoso pesadelo procesual de difícil resolución. E nunca pagan pola súa responsabilidade os verdadeiros culpables. Co xuízo do Prestige repítense as circunstancias e as dificultades doutros casos, como o de Aznalcollar (1998), os buques Urquiola (1976) e Mar Exeo (1992), etc.

 

Fonte: Redacción Ambientum / Ecoloxistas en Acción

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS