Financiado por:
/ Medio ambiente

Redución da contaminación dun 58% durante o estado de alarma

08-05-2020 - CONTAMINACIÓN

Segundo o Informe de Ecoloxistas en Acción, as medidas de confinamento e as restricións na mobilidade durante o estado de alarma tiveron un efecto realmente positivo sobre a contaminación do aire. Entre o 14 de marzo e o 30 de abril, os niveis de dióxido de nitróxeno reducíronse nun 58% de media en todo o Estado.

Transcorrido mes e medio dende a declaración do estado de alarma e as limitacións asociadas para a circulación das persoas, o presente informe pretende cuantificar e analizar, sequera provisionalmente, o efecto da crise da COVID-19 sobre a calidade do aire nas principais cidades do Estado, poñendo de manifesto que a redución do tráfico motorizado e os cambios nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixar a contaminación, aínda tendo en conta a excepcionalidade da situación extrema que estamos a vivir.

O informe, realizado en 26 cidades do Estado, recalca que estamos ante uns rexistros históricos. Os niveis de contaminación do aire son os máis baixos nos meses de marzo e abril na última década en todas as cidades analizadas; tamén informa da notable redución dos niveis de partículas PM1,0 e PM2,5 e dos baixos niveis de ozono.

De maneira recente, diversos estudos aínda moi preliminares en China, Europa e Estados Unidos están a relacionar a mortalidade ocasionada pola COVID-19 coa exposición a longo prazo á contaminación atmosférica, tanto ás partículas finas (PM2,5) como ao NO2. Esta  relación derivaría da afección aos sistemas respiratorio e inmunitario e eventualmente da contribución á transmisión do coronavirus, na que as  PM2,5 actuarían como vectores.

Así mesmo, o informe recomenda unha serie de medidas durante a  desescalada en curso para evitar que o progresivo aumento da mobilidade cidadá dispare a contaminación atmosférica a niveis equivalentes ou superiores aos de partida, con efectos moi nocivos sobre a saúde das persoas especialmente sensibles, como poden ser as nenas e nenos, as  mulleres xestantes, as persoas de avanzada idade e aquelas con enfermidades cardiovasculares e respiratorias.

Ligazón ao Informe "Efectos da crise da COVID-19 na calidade do aire urbano en España" Resultados provisionais a 30 de abril de 2020 para as 26 principais cidades

Ligazón ao Informe "Efectos da crise da COVID-19 na calidade do aire urbano en España" Resultados provisionais a 31 de marzo de 2020

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS