Radón, o inimigo que se mete na casa16-12-2014 - SaúdeO radón está relacionado co cancro de pulmón, até o punto de que é o principal factor de risco despois do tabaquismo, e o primeiro en nunca fumadores. Iso si, a moita distancia. Pero esta distancia non pode facernos relativizar a súa importancia, porque produce máis risco de cancro de pulmón que o tabaquismo pasivo. En Estados Unidos, as mortes por cancro de pulmón cuxo orixe se asocia ao radón residencial superan a todas as que producen os cancros de fígado e vías biliares. En Galicia as cifras non son menos preocupantes, entre o 3 e o 5 % das mortes por cancro de pulmón poden achacarse exclusivamente a este gas, e se se combinan co tabaco esta porcentaxe sobe ao 25 %. Hai ademais unha interacción entre radón residencial e tabaco, até o punto de que as posibilidades de que un fumador desenvolva cancro de pulmón elévanse até 73 veces, se na súa vivenda hai unha concentración de radón moi elevada. | ![]() |
|---|
O radón é un gas radioactivo, que ten unha vida media de 3,8 días. Algúns dos seus compoñentes, como son o polonio 214 ou o polonio 218, teñen unha vida media moi curta, cando respiramos se desintegran e impactan nas células do epitelio do pulmón, podendo chegar a producir cancro.
O substrato xeolóxico da comunidade galega provoca que haxa unha elevada presenza de radón, xa que procede da desintegración do uranio, e o granito é unha roca con alto contido en uranio. Pero cando se fala da relación entre granito e radón, hai que matizar que é completamente diferente unha casa asentada en zonas graníticas que outra feita de granito. A principal achega vén do subsolo, non do material de construción. É dicir, un edificio feito doutro material pode ter unha concentración elevada de radón se está nun subsolo rico en uranio, e unha casa de granito pode non telo. Os estudos realizados indican que, en xeral, o material de construción pode achegar, como moito, até un 15 ou 20 % da concentración total de radón nunha vivenda.
Quizais por ser unha zona de elevada presenza de radón, en Galiza realizáronse numerosos estudos sobre el. De feito, a Universidade de Santiago ten o seu propio Laboratorio de Radón de Galicia, que pertence ao grupo de investigación en epidemiología e saúde pública da USC.