Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Posicionamento da CIG en relación á explotación dunha mina de ouro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños)

27-12-2012 - Secretaria Confederal de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel

O proxecto de explotación mineira sitúase principalmente no concello de Cabana de Bergantiños, aínda que tamén se verán afectados os concellos de Coristanco e Ponteceso

O goberno da Xunta de Galicia está colaborando desenfrenadamente coa multinacional canadiana Edgewater Mining Co, para a explotación dunha mina a ceo aberto de extracción de ouro en Corcoesto, Cabana de Bergantiños.

Coa xustificación da necesidade de crear emprego, pretenden expoliar un entorno natural incomparábel e sacarlle o metal, para especular nos mercados internacionais, reproducindo novamente a espiral que nos levou á situación actual. Seguen apostando polo expolio en lugar de pola economía produtiva e a posta en valor do noso patrimonio natural, social e cultural.

O modelo de extracción é altamente contaminante para o medio ambiente e extremadamente tóxico para as persoas. Vanse usar case 1.5 toneladas de cianuro de sodio diariamente durante todos os anos que dure a explotación.

O Parlamento Europeo pediu a prohibición absoluta do uso do cianuro de sodio na minería a ceo aberto en toda a UE, por representar un serio perigo para o medio ambiente e para as persoas.

Pretenden envelenarnos a nós e ao noso entorno para unha expoliación salvaxe de 13 anos de duración. Logo marchar e deixarnos o morto.

Ademais, a Xunta ten previsto dar licenza a outras 7 explotacións semellantes ao longo de toda a nosa xeografía.

 

No arquivo xunto pódese consultar o posicionamento da CIG en relación á explotación da mina de ouro en Corcoesto.

Documentos

Mina Corcoesto. Posición CIG.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS