Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Piden un obxectivo vinculante de enerxías renovables para 2030

14-01-2014 - ENERXIA

Os Ministros de Enerxía de Alemaña, Francia, Dinamarca, Irlanda, Austria, Bélxica, Portugal e, recentemente, Italia, pediron conxuntamente un obxectivo vinculante de uso de enerxías renovables para 2030. Amigos da Terra insta ao Executivo a unirse a esta coalición de países.

O Estado español, membro co maior potencial de aproveitamento destas tecnoloxías, non obstante, achégase máis á postura de apoio a un só obxectivo baseado na redución de emisións.

A importancia de establecer un obxectivo ambicioso de uso de renovables en 2030 reside nas vantaxes que este supoñería: reduciría a dependencia de importacións de combustibles fósiles, a creación de miles de empregos, novas oportunidades económicas e, por suposto, contribuiría a alcanzar o obxectivo de redución de emisións.

Non obstante, as políticas levadas a cabo ao longo de 2013 polo Goberno español van en dirección oposta: extinguíronse as primas ás renovables, púxose en perigo de quebra ao sector renovable e incentivouse o uso do carbón e do gas natural.

"Agás Reino Unido, que polo menos ten en marcha unha Lei de Cambio Climático dende hai anos para reducir a súa dependencia dos combustibles fósiles, e Polonia, que depende nun 90% do carbón e gas estatal, o resto de países grandes da Unión Europea están a facer unha aposta contundente polo aproveitamento das enerxías renovables", sinalou Héctor de Prado, responsable da área de Clima e Enerxía de Amigos da Terra. "As vantaxes en termos ambientais son claras, pero é que en termos económicos, unha aposta así permitiría ás empresas europeas ou españolas, asegurar un mercado interno nada desdeñable de turbinas e paneis solares".

Espérase que a Comisión europea dea a coñecer o paquete de 2030 o próximo 22 de xaneiro, e empezar así o proceso lexislativo que podería chegar a durar ata dous anos. Ata a data, a Comisión manexa obxectivos de 40% de redución de emisións e un 30% de enerxías Renovables.
Amigos da Terra avoga por tres obxectivos vinculantes: renovables, redución de emisións e aforro enerxético porque "a enerxía máis limpa e máis barata é precisamente a que non necesitamos utilizar".

Por todo iso, a asociación ecoloxista "reclama ao Goberno que deixe atrás dunha vez o século XX, e se una ao grupo de países que apostan polo cabalo gañador: as enerxías renovables".

 

Fonte: Ambientum/ Amigos de la Tierra

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS