Financiado por:
/ Medio ambiente

Paralizados os proxectos de explotación mineira na Terra Chá

28-02-2013 - Medio Ambiente

Os tribunais veñen de rexeitar o último dos cinco recursos contencioso-administrativos que a empresa norueguesa Erimsa presentou contra os concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito por entender que lle foran concedidas por silencio administrativo as licenzas administrativas para a explotación do seixo da zona. Este ditame, unido ao veto da Xunta aos permisos, permite gañar unha primeira batalla.

O conflito das minas da Terra Chá comezou a finais do ano 2006, ao aprobárense tres concesións mineiras (Alicia, Karles e Pastoriza) que afectaban a máis de 5.700 hectáreas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei e, en menor medida, a Abadín e Vilalba.

As licenzas recorridas pola empresa desde o ano 2009 foron as de Karles e Alicia (Castro de Rei), Karles (Cospeito), Alicia (Cospeito), Alicia (A Pastoriza) e Pastoriza (A Pastoriza). En tódolos recursos personáronse a Comisión contra as Minas na Terra Chá, comunidades de regantes, organizacións como o Sindicato Labrego Galego ou Adega, así como numerosos particulares. Todos os contenciosos fóronse resolvendo de maneira negativa para a compañía Erimsa durante os anos 2011 e 2012, ao igual que a última sentenza, de xaneiro deste mesmo ano, que volveu denegar a licenza.

No entanto, e paralelamente a todos estes procesos xudiciais, si seguiron o seu curso as tramitacións doutras solicitudes de explotación mineiras presentadas en decembro de 2008. Logo da exposición pública dos proxectos e das alegacións, os concellos afectados solicitaron informes ás consellerías de Medio Rural, Economía e Medio Ambiente, así como á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Deputación de Lugo. A maioría destes documentos resultaron desfavorables para a empresa mineira e, tal e como aclara a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá nun comunicado, "tiveron un peso decisivo" para que o pasado 28 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente denegase as licenzas a Erimsa.

Así, a Comisión fala xa de "guerra gañada", pero advirte de que "aínda fica o perigo de que novos cambios lexislativos fagan posible que Erimsa poida explotar o seixo na Terra Chá, aínda a costa de destruír o contorno e o medio de vida dunha das bisbarras ganderias máis importantes de Galicia". Por iso, o colectivo pedirá que se declare a "caducidade das concesións por inactividade".

 

Fonte: praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS