Financiado por:
/ Medio ambiente

Os límites aos agrocombustibles son insuficientes

23-09-2013 - MEDIO AMBIENTE

A votación no Parlamento Europeo para lograr unha restrición no uso de agrocombustibles resultou insuficiente. A queima de agrocombustibles en Europa continuará, o que provocará incrementos no prezo dos alimentos e nas emisións de CO2.

Na votación, celebrada en Estrasburgo, os deputados europeos pronunciáronse sobre cal debería ser a porcentaxe máxima de agrocombustibles no marco dos obxectivos de enerxía renovable no transporte. Os eurodeputados votaron por un límite do 6%, a pesar da competencia que exercen estes agrocarburantes cos produtos alimenticios pola terra e a auga.

De confirmarse este límite no procedemento de negociación entre Parlamento e Consello Europeo, supoñería un incremento comparado ao nivel actual do 4,5%.

Amigos da Terra insiste aos países membros sobre a necesidade de poñer fin aos agrocombustibles que compiten coa produción de alimentos, e esixe que retiren progresivamente o uso completamente erróneo dos produtos alimentarios como combustibles.

Ante a votación, Liliane Spendeler, directora de Amigos da Terra, aseverou: ¨os límites para os agrocombustibles foron insuficientes; desafortunadamente se os ministros dos países europeos non empurran para rebaixalo, o consumo europeo de agrocombustibles continuará incrementándose e seguirá ocasionando subas no prezo dos alimentos, deforestación e provocando o cambio climático¨.

Por outro lado, os eurodeputados votaron en contra de contabilizar todas as emisións de efecto invernadoiro producidas polos agrocombustibles ata despois de 2020, polo que os gases debidos aos cambios indirectos de uso do chan por deforestacións, desecamento de brañas ou a expansión da fronteira agrícola seguirán sen tomarse en conta.

Os agrocombustibles procedentes do aceite de palma pódense considerar como os máis daniños do mercado europeo, dende o punto de vista social e ambiental. Están relacionados coa rápida deforestación no Sueste asiático, o que aumenta as emisións de gases de efecto invernadoiro e xera unha enorme perda de biodiversidade, con incendios forestais e con nubes de gases tóxicos en toda a rexión. Á súa vez os monocultivos de palma provocaron situacións de explotación laboral e infantil e centos de casos de conflitos pola terra entre comunidades e empresas produtoras.

Nur Hidayati, directora de campañas de WALHI/Amigos da Terra Indonesia declarou: ¨La xente en Indonesia decepcionarase ao ver que o Parlamento Europeo fracasou nesta oportunidade única de reducir a demanda europea de aceite de palma, que leva consigo deforestación e conflitos no noso país¨.

 

Fonte: Redacción Ambientum/Amigos da Terra

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS