Os cigarros electrónicos emiten vapores tóxicos16-08-2016 - SAÚDETodos os cigarros electrónicos emiten sustancias químicas nocivas, e os niveis deses compostos tóxicos vense afectados por factores como a temperatura, o tipo e a antigüidade do dispositivo, segundo un estudo de investigación do Laboratorio Nacional Lawrence Berkeley, en California. | ![]() |
|---|
Ante esta noticia os defensores dos cigarros electrónicos afirman que as emisións son moito máis baixas que as dos cigarros convencionais, así que é mellor usar cigarros electrónicos, o que para o investigador Hugo Destaillats podería ser relativamente certo en relación a algúns usuarios que son grandes fumadores dende vai moito tempo e non son quen de deixalo, o que non significa que os cigarrillos electrónicos sexan saudables, senón que posiblemente sexan menos nocivos que os cigarros convencionais.
En probas de laboratorio, os científicos atoparon que a descomposición relacionada coa calor do propilenglicol e a glicerina, dous solventes que se atopan na maioría dos líquidos para os cigarros electrónicos, provocan emisións de sustancias tóxicas como a acroleína, o acetaldehído e o formaldehído. Os tres son irritantes respiratorios ou carcinóxenos.
Estes achados poden ser relevantes tanto para os fabricantes de cigarros electrónicos como para os reguladores públicos que desexan reducir o perigo para a saúde derivado da utilización destes dispositivos electrónicos.
Os investigadores tamén atoparon que os niveis de sustancias nocivas no vapor dos cigarros electrónicos aumentan entre as primeiras caladas e caladas posteriores a medida que o dispositivo se quenta, e con cada uso do dispositivo.
A partir do 8 de agosto do 2016, a Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA) de EE.UU. comezará a regular os cigarros electrónicos, ademais de todos os cigarros, narguiles (pipas de auga), o tabaco para pipa e os xeles de nicotina, entre outros produtos.