Financiado por:
/ Medio ambiente

Os Nobel Steven Chu e Mario Molina advirten sobre a emerxencia do cambio climático

05-07-2013 - Medio ambiente

Baixo un ceo plomizo, frío e unha intensa choiva desenvolvéronse os dous últimos días de conferencias na cidade bávara de Lindau, onde mozos científicos e premios Nobel seguen debatendo sobre química verde e sustentabilidade no Nobel Laureate Meeting. "A necesidade é a nai de todos os inventos e agora a necesidade é o clima", comentou onte o exsecretario de Enerxía do Goberno de Barack Obama, o científico Steven Chu, galardoado co premio Nobel de Física no ano 1997.

Para Chu xa non hai máis discusións posibles sobre o tema: "A temperatura global aumentou e seguirá aumentando. Os mares e océanos subirán de nivel. Os datos móstraos inequivocamente o Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC polas súas siglas en inglés) e numerosos experimentos, como a misión GRACE da NASA". Para o científico estadounidense de orixe chinesa, o impacto nas nosas vidas e a nosa economía "será grave". 

"Nesta cuestión penso que o máis adecuado é manter un punto de vista epidemiolóxico", mencionou o Nobel, que lanzou ao aire unha curiosa analoxía: "Isto é como cando relacionamos o aumento da incidencia do cancro co hábito de fumar cigarros sen ter aínda evidencia dunha relación causal".

"Tal vez non entendiamos exactamente por que estaba a suceder, pero estaba a pasar. Mesmo aínda que non saibamos todos os detalles e os mecanismos exactos da evolución climática, as tendencias son claras e pídennos que actuemos. É hora de mover ficha".

Ante os negros nuboeiros que o cambio climático cerne sobre a humanidade, como debemos comportarnos? Aquí, a mensaxe de Chu tórnase optimista: "Cada vez que se proxectaron escenarios de fatalidade e penumbra para o futuro, un certo desenvolvemento científico inesperado, e a miúdo relativamente simple, deu coa solución ao problema. Unha das solucións medio prazo está na ciencia e a innovación tecnolóxica".

Reducir custos e ser eficientes

O ex-membro do Goberno de Obama puxo algúns exemplos de como deben evolucionar as cousas, e citou o caso concreto de lavadoras e frigoríficos, nos que "a innovación orientada a través de normas de consumo enerxético impostas polas autoridades levaron á redución de custos e a eficiencia".

Chu apostou por aplicar a mesma receita ao coche eléctrico para liquidar a baixa densidade enerxética das baterías de litio, un dos grandes problemas tecnolóxicos que impiden o seu arranque definitivo.

"O desafío máis importante é como involucrar ás persoas máis brillantes do mundo e proporcionarlles recursos suficientes para que poidan xerar ideas que cambien as regras do xogo", concluíu o Nobel de Física.

Pola súa banda o mexicano Mario Molina, un dos máis importantes precursores do descubrimento do buraco de ozono antártico e gañador do Nobel de Química en 1995, avogou  pola necesidade de que se certifique nesta década un acordo internacional para combater o aumento global de temperaturas, algo que, ao seu xuízo, non veremos ata que EEUU estea en disposición de ratificalo.

Este experto en química atmosférica forma parte dun escollido grupo de científicos que asesora ao presidente de Estados Unidos, e na súa opinión, de momento, mentres exista unha maioría republicana no Congreso "non hai posibilidades" de que ese país acepte o acordo.

O Nobel mexicano subliñou que entre a comunidade investigadora xa hai un consenso "ao 99%" sobre a influencia no clima das emisións de gases con efecto invernadoiro, que seguen aumentado, sobre todo nos países emerxentes como China, India e Brasil, que "non ratificarán o acordo mentres EEUU non o firme".

Molina estima que para conseguir efectos palpables "habería que baixar esas emisións nun 30%  a finais desta década e un 50% durante a próxima", un desafío hai que afrontar, na súa opinión, con medidas como a utilización de enerxías renovables, sen refugar o uso da enerxía nuclear como complemento ao mix enerxético.

Para Molina, á sociedade sáelle "máis barato enfrontarse ao problema que negalo" e opina que "quizá da crise económica e social da actualidade xurda por necesidade un cambio global de modelo enerxético a longo prazo".

O encontro de mozos científicos e premios Nobel celebrado na cidade Alemá de Lindau, contou coa presenza de 625 mozos investigadores de todo o mundo e 34 galardoados co premio Nobel, e adicou a súa 63ª edición á química aplicada, á sustentabilidade e a enerxía verde.

Fonte: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS