Financiado por:
/ Medio ambiente

O negocio do fracking en Galiza

17-06-2013 - ENERXÍA

O francking comeza a buscar oco en Galicia. Multinacionais que teñen a patente desta técnica de extracción de gas buscan socios en todo o Estado. O seu obxectivo é comezar a operar de forma inminente. Unha delas é Trofogas SA. que quere operar en Galiza.

O fracking consiste en estourar unha capa de lousa do subsolo para provocar pequenas fracturas que liberen o gas esquisto. Esta forma de extracción chegou a Estados Unidos fai once anos e, tras o seu paso por Polonia, pretende exportarse ao resto de Europa.

Na actualidade hai preto de 40 permisos concedidos e outros tantos solicitados en todo o Estado para, nun futuro, extraer do subsolo gas non convencional mediante este procedemento. Son permisos de investigación que abren o camiño á fractura hidráulica na península. Cantabria, País Vasco e Asturias son as zonas máis requiridas, aínda que tamén se pediron licenzas en Galiza, Burgos, Soria, Castelló, o norte de Huesca e, en menor medida, en Córdoba, Albacete, Lleida e Xaén.

Shale Gas, a principal patronal de empresas interesadas no negocio no subsolo en territorio español, asegura que en España podería haber case dous billóns de metros cúbicos de gas á espera de ser liberados. Por iso, e tal e como acontece coas multinacionais mineiras que queren operar en Galiza, insisten nos "importantes beneficios económicos" que van xerar na zona onde operen.

Multinacionais interesadas

En EEUU, o 60 % da explotación atópase en tres xacementos, e só un segue aumentando a produción, os outros dous están parados. No Estado, as empresas máis activas son BNK Petroleum, Shesa, San León e R2 Energy. Xunto a elas, Gas Natural e Repsol, aínda que estas dúas non teñen garantido o acceso á tecnoloxía polo que terán que chegar a acordos con outras empresas.

Segundo Rebelion.org, Shale Gas, o lobby do fracking, está formado por BNK, Heyco, R2 Energy, San León e Hidrocarburos de Euskadi (SHESA). Xunto a elas, hai un conglomerado de empresas, subempresas e sociedades interpostas creadas hai poucos meses e que están á espera dos permisos.

Un bo exemplo é Trofagas SA. Esta empresa creouse o 5 de marzo de 2010 e ten a súa sede social en Vigo. No seu último balance de contas, de 2011, reporta perdas de 432.994 euros e un só empregado. Como accionista principal aparece BNK Spain Holdings B.V., unha empresa afincada en Holanda, de responsabilidade limitada e que non tributa en España.

Moitas multinacionais e outras empresas abren sociedades nos Países Baixos, as B.V., para aforrar impostos. A empresa holandesa é realmente unha filial doutras dúas sociedades do mesmo país (BNK Petroleum Investments B.V. e BNK Petroleum Europe), até chegar á matriz canadense BNK Petroleum Inc. propiedade de Nicholson Ford Grant Nicholson e varios fondos de investimento, entre eles Quantum Partners, da familia do coñecido magnate estadounidense George Soros.

Trofagas tamén ten unha filial en España que empezou as súas operacións o 19 de abril de 2012 baixo o nome de BNK Sedano Hidrcarburos SL e que nace cun capital social de 3.000 euros. Desta compañía, que ten como socio único a BNK Sedano Holdings BV, son conselleiros Ford Grant, Rui Fernando Monteiro Texeira e Belén Garrigues Calderón. O seu obxecto social é a procura, investigación, prospección e explotación de gas. Esta estrutura é moi similar á que está a deseñar Sheldon Adelson para xestionar Eurovegas. Para iso constituíuse, cun capital de 3.000 euros, a sociedade Desembolso de Suelo en Europa SL, que está controlada fiscalmente por unha empresa afincada en Holanda co nome Europa Land Development Intermediate BV. O seu matriz, a empresa de Adelson. A compañía española ten unha única administradora, cuxo nome coincide co da conselleira de BNK: Belén Garrigues Calderón.

"Sobredimensión das expectativas"

Ecoloxistas en Acción que xa falan abertamente de burbulla enerxética especulativa e denuncia que hai unha "sobredimensión das expectativas económicas de forma intencionada" para darlle un valor maior ás compañías.

Hai varios informes que avalan esta teoría, un estudo feito polo xeólogo David Hughes que demostra que os operadores sobreestiman considerablemente a produción real dos pozos, mesmo nun 500 %. O segundo, elaborado polo Post Carbon Institute, pon ao descuberto a relevancia das grandes empresas dos bancos de investimento de Wall Street no crecemento do fracking.

 

Fonte: galiciaconfidencial.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS