Financiado por:
/ Medio ambiente

O lobby de fabricantes de pesticidas permite de xeito limitado a visualización dos estudos de toxicidade

29-09-2016 - Medio ambiente

A alarma xerada na opinión pública pola posibilidade de que o glifosato sexa un perturbador endocrino perigoso e a posición de determinados estados, como Francia que votou en contra da prórroga de 18 meses aprobada pola Comisión Europea para o seu emprego, forzaron á Comisión Europea a presionar ao lobby de fabricantes de pesticidas, integrado no denominado Grupo Especial de Traballo sobre o Glifosato, GTF, para que faga públicos os traballos científicos cos que conta sobre a toxicidade do produto que fabrican.

A semana pasada o lobby publicou un comunicado no que anunciaba a apertura dunha sala pública para a lectura dos estudos, concretamente de 71, que xa presentara á EFSA, Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria no procedemento de renovación da autorización da venda e que esta avaliara positivamente (ligazón aos resumos); a EFSA considerou "pouco probable que o glifosato implique risco carcinoxénico para os seres humanos” e que "non amosa efectos sobre a fertilidade e o desenvolvemento embrionario".

Os informes só poden ser consultados na sala de lectura habilitada para o efecto en Bruxelas ata finais de outubro a quen acepte os termos e condicións da consulta, dispoñibles nunha páxina de inscripción en liña; os fabricantes recoñecen que se eliminou información dos documentos públicos, en liña co Artigo 63 do regulamento da UE que rexe a autorización de produtos.


Parece unha medida destinada a salvar a cara á Comisión Europea e ao comisario que fixo a presión, pero insuficiente en relación á transparencia que require o estudo científico de produtos potencialmente perigosos para a saúde sobre os que hai discrepancia científica. Lembrar que a Organización Mundial da Saúde a través do seu Centro Internacional de Investigación do Cancro declarou en marzo do ano pasado que o glifosato era probablemente canceríxeno para a especie humana.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS