Financiado por:
/ Medio ambiente

O chapapote do Prestige segue chegando ás praias dez anos despois do naufraxio

14-02-2013 - Medio ambiente

"Afortunadamente, a rápida intervención das autoridades españolas afastando o barco das costas fai que non temamos unha catástrofe ecolóxica",declarou en novembro de 2002 Miguel Arias Cañete, entón ministro de Agricultura de José María Aznar e hoxe tamén responsable de Medio Ambiente con Mariano Rajoy. Pero 10 anos despois do seu afundimento e en pleno xuízo aos presuntos culpables, o chapapote do Prestige segue chegando ás praias da Costa da Morte.

Un grupo de investigadores rastrexou a orixe de miles degalletas de fuel aparecidas en dúas praias galegas ao longo de 2011 e a súa composición química mostra que saíron das tripas do petroleiro. As galletas, de entre 1 e 13 centímetros de diámetro, volveron ser detectadas en 2012, segundo explica a xeóloga Ana Bernabeu, responsable do estudo.

O buque Prestige afundiu o 19 de novembro de 2002 a 130 millas da costa galega, provocando unha marea negra que afectou a 1.000 quilómetros de litoral. O Goberno encomendou entón á petroleira Repsol que selase as fugas con robots teledirixidos, pero a empresa non logrou taponar todas as fendas e o barco, afundido a 4.000 metros de profundidade, seguiu cuspindo entre 13 e 20 litros de cru ao día.

"Calculamos que no últimos cinco anos o Prestige liberou unhas 36 toneladas de petróleo", explica Bernabeu, da Universidade de Vigo. O seu equipo monitorizou desde 2004 dúas das praias máis afectadas pola vertedura, Nemiña (Muxía) e O Rostro (Fisterra), na Coruña, pero agora suspendeu o proxecto por falta de financiamento.

"Non podemos saber se o fuel procede dunha fuga recente do pecio ou se procede de zonas do fondo mariño nas que está enterrado", sinala Bernabeu. A análise dos científicos, publicado na revista especializada Journal of Hazardous Materials, mostra que algunhas galletas de chapapote están "moi biodegradadas", o que suxire que permaneceron no fondo mariño durante longo tempo e chegaron á praia pola acción das ondas.

No verán de 2011, moitos bañistas nas praias de Nemiña e do Rostro confundiron estas bólas de fuel con pedras, ata que detectaron o seu intenso cheiro a hidrocarburos. Os propios científicos barallaron que se tratase dun sentinazo, unha vertedura ilegal procedente da limpeza en alta mar dos tanques dun buque.

"O maior achegamento de hidrocarburos ao mar procede dos sentinazos", non das mareas negras como a do Prestige, subliña Bernabeu. Para descartar un sentinazo, os investigadores analizaron as galletas no laboratorio do químico do CSIC Joan Albaigés.

O equipo suspendeu o proxecto por falta de financiamento

As campañas levadas a cabo polo Instituto Español de Oceanografía tras o naufraxio revelaron a existencia de acumulacións de petróleo na plataforma continental, a zona submarina próxima á costa. En xaneiro de 2003, a concentración alcanzaba os 300 quilogramos por metro cadrado. En outubro de 2004, apenas chegaba ao medio quilogramo por metro cadrado. "Cremos, polo relato dos pescadores e os mergulladores, que seguen existindo zonas de acumulación e as galletas chegan ás praias pola ondada e as correntes", apunta Bernabeu.

O efecto sobre o medio ambiente destas galletas, opina a xóloga, é pequeno, porque non é un volume grande. Agora si se parecen máis a aqueles "pequeños hilitos" con aspecto de plastilina aos que aludía Mariano Rajoy en 2002, antes de que o afundimento do Prestige provocase unha vertedura de máis de 64.000 toneladas de petróleo en alta mar. Rajoy era entón o coordinador da acción do Goberno de José María Aznar ante a crise.

 

Fonte: Praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS