Financiado por:
/ Medio ambiente

O Parlamento Europeo, contra os plásticos contaminantes

06-02-2014 - RESIDUOS

O Parlamento Europeo aprobou o martes 14 de xaneiro unha resolución na que pide a prohibición dos plásticos máis perigosos e das bolsas deste material dun só uso, dentro da estratexia comunitaria para a redución deste tipo de residuos no medio.

Ademais, os eurodeputados consideran que a UE debería introducir obxectivos de obrigado cumprimento para a reciclaxe do plástico.

A resolución foi adoptada nunha votación a man alzada. Nela, os eurodeputados subliñan que os residuos de plástico están a danar o medio como consecuencia dunha débil aplicación da lexislación comunitaria sobre residuos e a inexistencia de leis a nivel europeo sobre os residuos de plástico, a pesar das particularidades que estes presentan.

Os eurodeputados reclaman retirar do mercado os plásticos máis perigosos. Por outra parte, avogan por reducir drasticamente ou mesmo abandonar a utilización de bolsas de plástico dun só uso. Finalmente, esixen medidas para rematar coas exportacións e verteduras ilegais de residuos de plásticos.

Os parlamentarios propoñen que a lexislación europea inclúa obxectivos específicos obrigatorios e que se clasifique ata o 80 por cento dos refugallos. Ademais, piden criterios obrigatorios que aclaren as diferenzas entre reciclado mecánico e orgánico, así como entre a recuperación e a incineración. O informe tamén destaca a necesidade de harmonizar en toda a UE os criterios de recollida, separación e xestión. Por outro lado, reclama revisar a directiva vixente relativa aos envases e residuos de envases.

A Eurocámara insta a Comisión a presentar propostas en 2014 para eliminar gradualmente a descarga en vertedoiros de residuos reciclables ou recuperables para 2020 e desincentivar a incineración deste tipo de refugallos, sen que iso supoña a incentivación da recuperación de enerxía en detrimento do reciclado.

O Parlamento destaca que aínda hai moito marxe de explotación do potencial económico da reciclaxe de plásticos, posto que actualmente só se recicla o 25 por cento.

Os parlamentarios tamén aseguran que a plena aplicación da lexislación comunitaria sobre residuos podería aforrar 72.000 millóns de euros ao ano, impulsar o volume de negocios das compañías de xestión de residuos en 42.000 millóns e crear máis de 400.000 traballos para 2020.

 

Fonte: Parlamento Europeo

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS