Financiado por:
/ Medio ambiente

O 8% do patrimonio mundial natural está en perigo crítico

20-11-2014 - MEDIO AMBIENTE

A caza furtiva, o turismo ou a deforestación levaron o límite ao 8% das áreas naturais inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Lugares como a Reserva de caza de Selous (Tanzania) e a Reserva de Biosfera da bolboreta monarca en México presentan perigo crítico para a súa conservación no futuro, segundo o informe Perspectiva do Patrimonio Mundial presentado no Congreso Mundial de Parques en Sídney, celebrado neste mes de novembro.

Por primeira vez, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) avaliou 228 lugares catalogados como Patrimonio Mundial Natural da UNESCO. Como resultado, o informe Perspectiva do Patrimonio Mundial indica que o 21% dos lugares estudados presentan unha "boa" perspectiva de conservación, o 42% "boa perspectiva con certa preocupación" e o 8% está en situación crítica.

"Os lugares sinalados polo Patrimonio Mundial contan co máis prestixioso nomeamento internacional e os responsables da súa xestión deben demostrar un nivel de liderado exemplar no campo das áreas protexidas", declarou Julia Marton Lefèvre, directora xeral da UICN.

O Patrimonio Mundial natural inclúe as áreas protexidas máis importantes inscritas na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Ata agora, apenas a metade desta lista fora avaliada regularmente pola Convención sobre o Patrimonio Mundial da UNESCO.

Entre os lugares catalogados con "boa perspectiva de conservación" encóntrase o Parque Nacional Uluru-Kata Tjuta, símbolo de Australia, e o Monte Huangshan, en China. Polas características que presentan, están en boas condicións e deberían preservarse, sempre que continúen as medidas de conservación actuais.

Tamén entran nesta categoría o Alpes suízos Jungfrau-Aletsch, o Parque Nacional dos Volcáns de Hawai (EUA) e o Areal de Namib (África).

Non obstante, a Gran Barreira de Coral -que conta cun ecosistema de arrecife e biodiversidade mariño en risco-, foi valorada como de "alta preocupación".

Elefantes, dragóns e bolboretas en perigo

O informe tamén identifica preocupacións relacionadas cos impactos na biodiversidade. Así, a pesca no Parque Nacional de Komodo en Indonesia, pon en perigo o fogar do Dragón de Komodo.

Ademais, outros 19 lugares afectados por ameazas graves -en situación crítica- requiren unha intervención urxente para salvar os seus valores. Entre eles, a Reserva de caza de Selous, onde a caza furtiva reduciu de forma dramática o número de elefantes ou a Reserva de Biosfera da bolboreta monarca en México, que está ameazada pola deforestación e as actividades agrícolas.

O 13% ten unha mala xestión

"O Patrimonio Mundial distínguese pola excelencia na xestión e a nova Perspectiva do Patrimonio Mundial é un chamamento á acción para asegurar que todos os sitios na lista demostran de forma inequívoca o mellor da conservación", explicou Cyril Kormos, vicepresidente da Comisión Mundial de Áreas Protexidas da UICN.

O informe mostra que o 54% dos sitios avaliados están ben xestionados, mentres que expresa serias preocupacións sobre a calidade da xestión do 13%.

Un exemplo de como a xestión é fundamental para a conservación é o Atol de Aldabra, nas illas Seychelles, que sofre graves ameazas debido a especies invasoras. Non obstante, a súa perspectiva é "boa con certa preocupación" grazas a un enfoque de traballo "coidadosamente" planificado.

 

Fonte: Agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS