Financiado por:
/ Medio ambiente

Novo laboratorio flotante nas Illas Cíes

04-09-2013 - Medio Ambiente

Voluntarios de Galicia, Andalucía, Canarias, Cataluña e a Comunidade Valenciana pasarán boa parte do mes de setembro mergullados nas frías augas das Illas Cíes, na ría de Vigo.

Pasarán o resto do tempo a bordo do Deusa Maat, o veleiro de Ecoloxistas en Acción, convertido no seu fogar provisional e nun laboratorio flotante para a ocasión. Os participantes usarán os seus coñecementos en bioloxía e as súas habilidades mergulladoras para comprobar ata que punto as algas invasoras afectan aos hábitats deste Parque Nacional.

Chegaron ata alí para quedar a través dos moluscos, os cascos e augas de lastre dos barcos e outros obxectos flotantes. Son algas invasoras ou alóctonas que proliferan nun mar que non é o seu, debido ao cambio climático, porque non teñen os competidores e predadores que podían encontrar no seu. No caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas teñen nomes como Asparagopsis armata, Undaria pinnatifida e Sargasum muticum, entre outras, e a súa presenza ten un impacto no ecosistema que debe ser estudado con atención.

Un traballo que non é doado en augas frías e con tantas correntes como as das Illas Cíes. Por iso Manuel García, biólogo e patrón do Deusa Maat, explica que "os catorce voluntarios, oito mulleres e seis homes, foron seleccionados polos seus coñecementos en bioloxía e ciencias mariñas, pero tamén polas súas habilidades como mergulladores". Formarán parte dos dous campos de traballo consecutivos que organiza Ecoloxistas en Acción no marco do Plan de Sensibilización e Voluntariado na Rede de Parques Nacionais e que se estenden dende o próximo luns ata o 8 de outubro.

Encargaranse de facer unha especial cartografía para conformar un mapa coa distribución e cobertura destas tres especies de algas alóctonas, con mostraxes en localidades ou estacións predeterminadas. Tamén estudarán neses lugares a abundancia de invertebrados e peixes indicadores da calidade dos hábitats mariños en función da densidade destas algas. As mostras poderán ser examinadas en laboratorios de Vigo, grazas á colaboración establecida con profesores e investigadores. E é que a cartografía, que comeza o luns, coincide cun estudo realizado hai anos pola Universidade de Vigo.

A posibilidade de correlacionar os datos e resultados obtidos permitirá extraer conclusións afinadas do impacto das algas a través do tempo.
Dentro do apartado de sensibilización e educación ambiental do programa, os voluntarios tamén coñecerán a parte terrestre do Parque Nacional e a súa biodiversidade, con visitas guiadas ás Illas Cíes e charlas, ademais doutras actividades organizadas co apoio do Organismo Autónomo de Parques Nacionais.

 

Fonte: Ecoloxistas en Acción

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS