Financiado por:
/ Medio ambiente

Novas medioambientais para Galiza: As Illas Atlánticas obteñen o selo europeo de Turismo Sostible e son identificadas 20 novas especies no Banco de Galiza

18-09-2015 - MEDIO AMBIENTE

No marco do proxecto LIFE+INDEMARES identificáronse 20 especies novas para a ciencia e unha importante presenza de arrecifes de coral no Banco de Galiza. Por outra banda, as Illas Atlánticas obteñen o selo europeo de Turismo Sostible, acreditación que reflicte a vontade das áreas protexidas, os actores locais e representantes do sector turístico para promover o turismo de acordo cos principios do desenvolvemento sustentable.

O proxecto LIFE+INDEMARES é unha das iniciativas europeas para o coñecemento e a conservación do medio mariño, demais de abordar a obrigatoriedade que os Estados membros teñen de designar espazos Natura 2000 mariños: Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Ademais ten como obxectivo contribuír á protección e uso sustentable da biodiversidade nos mares estatais, mediante traballos de identificación de espazos de valor para a Rede Natura 2000.

No marco deste proxecto, coordinado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, identificáronse 20 especies novas para a ciencia e unha importante presenza de arrecifes de coral no Banco de Galiza.

O Banco de Galiza é un monte submarino profundo localizado ao noroeste da península ibérica, a 180 quilómetros da costa galega. O relevo desta montaña submarina modifica as correntes de fondo, facendo que as augas profundas ascendan cargadas de nutrientes. Este enriquecemento das augas sobre o banco permite unha elevada produtividade, que xunto á cantidade de ambientes presentes na ladeira do banco crean un verdadeiro oasis de biodiversidade no medio do mar, o que  favorece a presenza de diferentes especies de cetáceos, como o golfiño mular, tartarugas e aves mariñas como o paíño de Madeira.

O principal valor ecolóxico identificado na área son os arrecifes que inclúen os corais brancos de augas frías das especies Lophelia pertusa e Madrepora oculata  situados nas areas da cima do banco, entre 780 e 1.000 metros, en forma de manchas dispersas, e na cima rochosa do monte Rucabado, en forma máis densa, así como as comunidades mixtas formadas sobre roca profunda por estas mesmas especies xunto con corais bambú, corais negros, gorgonias, escleractinias solitarias e esponxas de gran porte.

Máis de 790 especies de diferentes grupos, como moluscos, vermes, poliquetos, corais, peces e ourizos, foron identificadas e catalogadas. Especies vulnerables como as quenllas, grandes depredadores de crecemento lento, tamén son frecuentes nas augas e fondos do monte submarino.

Coa proposta de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) a nivel europeo queda protexida, grazas aos resultados do proxecto LIFE+INDEMARES, unha superficie de máis dun millón de hectáreas de alto valor ecolóxico.

Selo europeo de Turismo Sostible para as Illas Atlánticas

Esta acreditación reflicte a vontade das áreas protexidas, os actores locais e representantes do sector turístico para promover o turismo de acordo cos principios do desenvolvemento sustentable. Para cumprir co decálogo de principios que se establecen na Carta Europea e cos cinco obxectivos estratéxicos promoveranse máis de cen actuacións no próximos cinco anos, que implicarán a mobilización de case 3 millóns de euros.

Entre esas medidas figuran talleres de educación ambiental, un programa de rutas interpretativas, experiencias por cada un dos arquipélagos en varios idiomas, e unha ruta turística para o avistamento de especies de aves e mamíferos mariños. Tamén está prevista a creación dun centro de interpretación do litoral, potenciar a aula da natureza de Cabo Udra, en Bueu, como punto de información e educación ambiental, e a adhesión á rede de municipios Rede Terrae.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS