Financiado por:
/ Medio ambiente

Máximos históricos de temperaturas no mar na Galiza

19-07-2017 - Temperatura

No mes de xuño, coincidindo cunha vaga de temperaturas extremadamente altas en Galicia, Portos do Estado informou de que a súa boia de Cabo Silleiro, pertencente a Rede de Boias de Augas Profundas, rexistrara un máximo histórico de temperatura da auga:19,9ºC, representando un incremento de ata 1,25ºC respecto ao ano anterior. No resto da Península houbo valores igualmente significativos: máis de 27ºC en Tarragona, 23,5ºC en Bilbao-Vizcaya e 24,3ºC no Cabo de Gata. A subida xeral foi de entre 0,5 e 2,5 graos.

Segundo investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo, IEO; “na temperatura da auga inflúen moitos factores; non existe un só que o explique”. Nas variacións térmicas dos océanos concorre “unha dinámica complexa, con correntes, as ondas, o vento, etc.”. Con todo, existe un aumento de temperaturas nos últimos tempos, do que xa alertaron no IEO hai catro anos nun estudo realizado na ría de Vigo. “Estes datos confirman os nosos resultados”, expón.

E como afecta isto a Galicia? O cambio global  está facendo diminuír o fenómeno do afloramento nas nosas costas. “Debido aos fortes ventos do norte durante o período estival, a auga fría ascende desde os 100-200m de profundidade ata a superficie. Este é o motivo polo que a auga das nosas praias é máis fría no verán que a do Mediterráneo. Pero isto está cambiando, polo que é de esperar que aumente a temperatura”.

Como consecuencia disto, se van ver “unha serie de cambios en cascada: acidificación, secas e a aparición de especies de augas máis cálidas”. A isto hai que engadir, como xa se está vendo nos últimos anos, “que os eventos extremos se intensifiquen”, polo que cabería agardar “unha maior mortalidade de todo tipo de organismos mariños, desde moluscos a crustáceos, debido a vagas de calor”

Fonte: www.gciencia.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS