Financiado por:
/ Medio ambiente

Ir a traballar en bicicleta

18-07-2014 - Contaminación

Reducir a contaminación e o consumo de combustibles fósiles, aumentando o número de viaxes en bicicleta polas cidades, é o fin do programa piloto que iniciará Francia mediante o cal remunerará con 25 céntimos por quilómetros aos traballadores que acudan ao seu posto de traballo en bicicleta. Este experimento de seis meses forma parte dunha iniciativa conxunta de varios gobernos europeos para mellorar a saúde das persoas e reducir a contaminación do aire e o consumo de combustibles fósiles.

Dinamarca, Alemaña, Bélxica, Gran Bretaña ou os Países Baixos contan xa con diferentes incentivos tales como exencións de impostos, pago por quilómetros ou apoio financeiro á compra das bicicletas. En Bélxica e nos países Baixos púxose en marcha un plan de incentivos mediante deducións fiscais. En Bélxica leva en vigor cinco anos e logrou que ao redor do 8% dos desprazamentos se realicen en bicicleta.


No caso do proxecto que agora se inicia en Francia, o ministro de Transporte informou de que 20 empresas e institucións, cun total de 10.000 empregados inscritos, van pagar 25 céntimos de euro por quilómetro percorrido. Se os resultados da proba son prometedores levará a cabo un segundo experimento a maior escala.


Actualmente estímase que as viaxes en bicicleta ao traballo representan un 2,4% do total e o proxecto pretende aumentar estas cifras nun 50% con distancias medias de 3,5 quilómetros por viaxe. O orzamento co que conta o plan é de 170 millóns de euros dos que unha boa parte dedicaranse a pagar aos ciclistas.


A Federación Europea de ciclistas conta con financiamento da Unión Europea para estudar as mellores prácticas entre os distintos esquemas de incentivación do uso da bicicleta. Os sistemas municipais de aluguer de bicicletas xogaron un importante papel no aumento do uso deste medio de transporte en distintas cidades europeas como Barcelona, Londres e Estocolmo que seguiron o modelo do sistema Velib implantado en París en xullo de 2007.


Fonte: Reuters.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS